Cultura
Deputación de Lugo

O Centrad cede tres salas para acoller as clases de música e baile da Tradescola durante este curso

CENTRAD
Tradescola
música tradicional
Maite Ferreiro
EFRÉN CASTRO
A escola, que conta con 225 persoas matriculadas, precisaba novos espazos para adaptar a súa labor formativa ás normas de prevención fronte á Covid 19

A coral Cantar Delas, que está a preparar o ciclo de concertos "Mulleres libres, sempre" tamén empregará as instalacións para os ensaios

Lugo, 12 de novembro de 2020.-  Parte das clases de música e baile tradicional da Tradescola desenvolveranse este curso nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño. O Centrad puxo tres salas a disposición da escola, que amplía así os espazos cos que conta para desenvolver a súa labor formativa atendendo ás normas de prevención fronte á Covid 19.

A Tradescola empregará estes espazos para impartir clases de zanfona, acordeón, canto, linguaxe musical e iniciacion á musica e ao baile, que contan con 170 persoas matriculadas. As aulas tamén serán empregadas polas integrantes da coral Cantar Delas, que están a preparar o ciclo de concertos “Mulleres libres, sempre”.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro sinalou que, con este novo uso, “o Centrad amplia a relación que sempre mantivo coa música xa que”, lembrou, “aquí temos o taller de instrumentos musicais  e unha ampla colección de instrumentos medievais e tradicionais”. Efrén Castro expuxo que “esta iniciativa achega o Centrad a máis persoas e permite un maior aproveitamento das instalacións provinciais”. Incidiu tamén “na necesidade de colaborar co tecido asociativo e facilitar que adapte a súa actividade ás circunstancias sanitarias”.

A cesión dos espazos do Centrad súmase á colaboración que a área de Cultura mantén coa Asociación de Gaiteros Galegos para soster a actividade formativa e divulgativa que desenvolve a Tradescola, cunha achega de 70.000 euros.

A entidade ofrece unha ampla selección de materias relacionadas coa música e co baile tradicional galego como gaita, zanfona, percusión, acordeón, requinta, canto e pandeireta, linguaxe musical, baile tradicional e clases para nenas, que contan cun total de 225 persoas matriculadas.

A maiores das clases semanais imparte cursiños monográficos e outras actividades vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como os concertos didácticos ou o certame de debuxo sobre o baile e a música galega, dirixidos aos centros educativos. O obxectivo é ofrecer formación complementaria ao profesorado das asociacións da bisbarra, ao seu alumnado, así como a todas as persoas interesadas na música tradicional.