Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colaborou coa edición do libro CD “Manuel do Juano”, presentado esta tarde na Fonsagrada

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
SERVIZO DE PUBLICACIÓNS
Maite Ferreiro
MANUEL DO JUANO
MUSICA TRADICIONAL
O volume, editado pola Editorial Canela, recolle a biografía, fontes musiciais, técnica, estilo e repertorio do gaiteiro

A presentación foi parte dunha xornada de celebración da música tradicional organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo

Esta tarde presentouse na Fonsagrada o libro CD “Manuel do Juano”, unha retrospectiva etnográfica e musical sobre a figura do gaiterio Manuel Fernández Díaz, publicada pola Editorial Canela coa colaboración do Servizo de Publicacións.

O volume - con textos de músicos e estudosos da tradición como Bieito Romero, Guillermo Fernández, Pepe Vaamonde, Daniel Carballo Penelas ou Antón Santamarina, entre outros, e con fotografías de Vicente Ansola -  recolle a biografía, fontes musicais, técnica, estilo e repertorio de Manuel do Juano, un dos derradeiros gaiteiros da considerada vella xeración de músicos da montaña nas terras de Fonsagrada, depositario do importante repertorio e a técnica dun territorio rico en grandes intérpretes que se foron indo rapidamente nos últimos tempos.

Neste senso, descríbense tamén os espazos onde os gaiteiros acostumaban a tocar a súa música, como as festas e xuntanzas ao redor de datas sinaladas, moitas veces vinculadas ás tarefas do campo ou a costumes do territorio, como o magosto ou o entroido.

O libro vai acompañado dun CD con 26 temas interpretados polos últimos membros do grupo: Manuel do Juano (gaita), Dositeo do Fito (tamboril) e Antón de Paradiñas (bombo), cumprindo co obxectivo de reactivar a comunidade veciñal e valorar o patrimonio local herdado. A edición inclúe tamén as partituras das pezas e un mapa do concello.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, trasladou a autores e editor os parabéns “pola compilación e publicación deste material único que abrangue música, tradicional oral, historia do pobo e identidade cultural”, pezas clave para “o progreso de sociedades que se asentan sobre piares tan fundamentais como as súas raíces”. Así mesmo destacou a importancia de “construírmos unha memoria colectiva ao redor da música tradicional, que cada vez conta con máis persoas e colectivos que a manteñen viva tendo como referencia a figuras como a de Manuel do Juano”.

A presentación tivo lugar no marco dunha xornada organizada polo Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, coa música e o baile tradicional como fío condutor.  Pola mañá, celebrouse unha homenaxe ás bailadoras e bailadores do concello con Mercedes Peón. As 20.00 horas, está prevista a proxección do documental “Dorothé na vila”, sobre o traballo de recollida de música tradicional levado a cabo pola musicóloga e compositora suíza Dorothé Schubarth en distintos puntos de Galiza, entre eles, a Fonsagrada.