Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación reforza a promoción do románico da Ribeira Sacra coa edición dunha nova guía

Deputación de Lugo
turismo
Ribeira Sacra
Presentación Lugo Románico Ribeira Sacra
O Presidente presentou na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, o primeiro volume de Lugo Románico, que recolle información e fotografías sobre o patrimonio deste estilo arquitectónico en 11 concellos da zona sur da provincia

A guía terá en total catro tomos, que plasmarán a riqueza do románico de toda a provincia co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor un patrimonio que é “un sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”, subliñou José Tomé

A publicación “axudará ás persoas que nos visitan a organizar as súas viaxes e rutas, e tamén servirá de recordatorio do compromiso que debemos ter coa conservación dos bens patrimoniais, porque os monumentos teñen historia, pero tamén están cargados de futuro”

Miguel Mendoza, en colaboración con outros autores, foi o encargado de elaborar os textos da guía sobre a Ribeira Sacra, que ilustran fotografías de Pepe Tejero e Roberto Díaz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes na igrexa da Santa María de Nogueira de Miño, coñecida como a Capela Sixtina da Ribeira Sacra, o primeiro volume da guía Lugo Románico, un novo proxecto editorial emprendido pola institución provincial para reforzar a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo, “un sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”, subliñou José Tomé.

 A Ribeira Sacra estrea esta colección, que terá outros tres tomos sobre o románico noutras zonas da provincia. A guía arranca por esta comarca, “como non podía ser doutro xeito”, asegurou o Presidente, pois na Ribeira Sacra “está a maior concentración do románico rural de toda Europa”. 

O mandatario provincial afirmou que esta guía “será un elemento que axude ás persoas que nos visitan a organizar as súas viaxes e as súas rutas, e gustaríame que actuase como recordatorio do compromiso coa conservación do patrimonio, porque os monumentos teñen historia, pero tamén están cargados de futuro. O patrimonio é turismo de calidade, emprego sostible, desenvolvemento do rural, e proxección do territorio a nivel galego, nacional e internacional”.

Neste sentido, o Presidente recalcou que o románico da provincia é un dos máis importantes de España e de Europa, como demostra que Lugo forma parte da Ruta Tranrománica do Consello de Europa dende o pasado ano grazas á iniciativa impulsada pola Deputación. “Desta forma, situamos ao noso patrimonio nunha das grandes rutas culturais europeas, a máis importante das vinculadas a este fermoso estilo arquitectónico. Unha ruta da que, en España, só forman parte outros dous lugares: o mosteiro de Santo Domingo de Silos e a cidade de Zamora”, explicou José Tomé.

Coa guía, a Deputación promociona ademais o conxunto da riqueza da Ribeira Sacra,   recentemente declarada pola UNESCO como Reserva da Biosfera, afirmou o Presidente, ademais de seguir reivindicando a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. “A Ribeira Sacra é hoxe un patrimonio internacionalmente apreciado e visitado, e temos que seguir traballando xuntos para facer realidade esta aspiración, que é colectiva”. 

No acto de presentación celebrado hoxe participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, do presidente da Asociación Cultural Capela Sixtina de Nogueira, Antonio Vázquez Porto, veciños e veciñas deste núcleo chantadino, o Vicario da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, os autores da publicación e representantes políticos de concellos incluídos neste primeiro número de Lugo Románico.

Editáronse inicialmente 1.000 exemplares da guía, que está en tres idiomas para chegar a un maior espectro de lectores. Miguel Mendoza, en colaboración con outros autores, foi o encargado de elaborar os textos, que ilustran fotografías de Pepe Tejero e Roberto Díaz.

O libro recolle máis de medio cento de igrexas e basílicas de once concellos: Chantada, Portomarín, Taboada, Carballedo, Paradela, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Sober e Ribas de Sil. 

Ruta Transrománica 
A Deputación de Lugo foi incluída na asociación Ruta Transrománica, un organismo do Consello de Europa que ten como obxectivo fundamental o estudo da arte románica europea e a promoción dos itinerarios artísticos a nivel internacional. Inclúense 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra. 

As igrexas desta ruta, tamén incluídas en Lugo Románico, son o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.