A Asociación As Cavarcas do Incio organizou unha xornada sobre plantas aromáticas co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación
O Incio acolleu esta fin de semana unha xornada sobre o cultivo de plantas aromáticas, organizada pola Asociación As Cavarcas coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Carmela Valiño, da Cooperativa Milhulloa, encargouse de dirixir a charla na que se abordaron cuestións como as aplicacións das aromáticas como bioestimulantes, o seu cultivo asociado a plantas hortícolas, a propagación por sementes e esquexes ou a compostaxe. As persoas asistentes tamén participaron nunha carta de infusións de cultivo ecolóxico da cooperativa de Palas de Rei.
A xornada complementarase con outra, en setembro, sobre recollida, secado e uso de plantas aromáticas e unha visita a Milhulloa, para coñecer os procedementos de procesado que levan a cabo na cooperativa.