A Deputación de Lugo mellora con aglomerado en quente a estrada da Ínsua, en San Cosme de Barreiros
![A Deputación de Lugo mellora con aglomerado en quente a estrada da Ínsua, en San Cosme de Barreiros A Deputación de Lugo mellora con aglomerado en quente a estrada da Ínsua, en San Cosme de Barreiros](/sites/deputacionlugo.org/files/2021-09/220921%20Traballos%20LU-P-0608%20Barreiros.jpeg)
As obras teñen un orzamento de 35.350€ e beneficiarán a moitos veciños e veciñas, ao tratarse da vía que comunica co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, o punto limpo e a capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese do municipio
A Deputación de Lugo acomete estes días obras de mellora do firme da estrada que une o núcleo de San Cosme de Barreiros coa Ínsua. Uns traballos que teñen un investimento de 35.350€ e que se prevé que rematen esta semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Os labores consisten na reapertura de cunetas, o estendido de aglomerado en quente e as correspondentes sinalizacións. Actúase no primeiro quilómetro da vía, dende o cruzamento coa N-634.
Trátase da antiga LU-P-0608 e é a vía que comunica o centro da vila co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, co punto limpo e coa capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese, polo que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e aos visitantes.