Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Laura LaMontange & PicoAmperio abren este venres en Vilalba o ciclo Con Voz de Muller 8-M impulsado pola Deputación

MULLER E IGUALDADE
CICLO CONCERTOS CON VOZ DE MULLER 8-M
O concerto será ás 20:00 horas no auditorio municipal Carmen Estévez e forma parte desta iniciativa que lanza a institución provincial este ano dentro do programa de actividades conmemorativas do Día da Muller

A proposta de Laura LaMontagne & PicoAmperio mestura medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño

O programa provincial para este 8M continúa este sábado coa cantante Uxía, que estará na Fonsagrada, e De Vacas, que actuará en Taboada. O domingo péchase o cartel con Habelas Hainas, que levará a súa música ata Barreiros

A Deputada de Muller e Igualdade recalca que con esta nova iniciativa de lecer “queremos visibilizar e favorecer o empoderamento das mulleres. Mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para esta primeira edición deste ciclo de concertos”

Loureiro invita á veciñanza da Terra Chá e doutras comarcas a que se acheguen en familia porque “cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”

A Deputación de Lugo arranca mañá venres o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M en Vilalba coa actuación de Laura LaMontagne & PicoAmperio no auditorio municipal Carmen Estévez ás 20:00 horas. Esta actuación forma parte desta nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. 

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, anima á veciñanza da Terra Chá e do resto de comarcas da provincia a unirse a este concerto que será gratuíto. Incide nas súas palabras que obxectivo deste ciclo é “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”. 

Loureiro pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e  reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”. 

Nas súas palabras, a Deputada de Muller e Igualdade recalca que dende a Deputación “pensamos en actividades e horarios para un público familiar e xente nova”. “Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica. 

Laura LaMontagne & PicoAmperio
Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Mentres, Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística. Na súa proposta mesturan música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que en 2021 se suma a poeta Xela Arias, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Programa ciclo Con voz de muller 8-M

A Fonsagrada - Concerto de Uxía
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 20.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Taboada - Concerto de De Vacas
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Praza Riazón

Barreiros- Concerto de Habelas Hainas
Data: Domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro