Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación organiza novas actividades gratuítas de lecer e educación ambiental en Terras do Miño e Ancares Lucenses

Terras do Miño
Ancares Lucenses
A programación inclúe once propostas para todos os públicos que se desenvolverán dende xullo ata setembro nestas dúas reservas xestionadas pola institución provincial

Rutas en kaiak, itinerarios pola natureza, obradoiros de carpintería ou fotografía, unha xornada sobre os morcegos e outra para achegarse á astronomía con acampada nocturna son algunhas das iniciativas que están programadas

As actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán reservar praza a partir de mañá, mércores, a través da páxina web da Deputación e dos números de teléfono 982.227.812 e 982.227.813

A Deputación de Lugo organiza un novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A programación inclúe once propostas para todos os públicos, que se desenvolverán no terceiro trimestre do ano, dende o 2 de xullo ata o 30 de setembro.

O prazo de inscrición ábrese este mércores, a partir das 00.00 horas. As actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial. Para as iniciativas que se desenvolvan na Reserva dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá estarán dispoñibles os números de teléfono 982.227.812 e 982.227.813 e para as que teñan lugar na Reserva da Biosfera de Terras do Miño haberá habilitado un espazo na web: https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. 

Propostas en Terras do Miño
A primeira proposta na Reserva de Terras do Miño será Rutas en kaiak, unha actividade para todos os públicos que se desenvolverá desde a Escola Lucense de Piragüismo do 4 ao 8 de xullo, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 10 prazas dispoñibles.

Do día 11 ao 15 de xullo está programada a actividade Cinco días na Natureza, unha actividade para nenas e nenos que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e que conta con 15 prazas. O punto de partida será o Centro de Interpretación Terras do Miño.

Xa no mes de setembro, do día 5 ao 9, haberá outra actividade que sairá desde o Centro de Interpretación Terras do Miño e que está pensada para os máis pequenos da casa: Coñecendo a natureza do Paseo do Río Rato. Son 15 prazas e poderase desfrutar tamén en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Entre o 19 e o 23 de setembro, os adultos poderán aprender de ebanistería no Obradoiro de Carpintería que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10:00 a 14:00 horas da mañá. Haberá 12 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

O Centro de Interpretación Terras do Miño tamén será o escenario para as xornadas de Aproveitamento de recursos: conservas, herbas medicinais e tinturas naturais. Unha actividade pensada para os adultos que se desenvolverá entre os días 26 e 30 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e para a que haberá 15 prazas.

Propostas nos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
Cervantes acollerá a primeira actividade da Montaña. Os días 2 e 9 de xullo haberá un Obradoiro de fotografía co móbil destinado aos adultos. Terá lugar na Escola de Piornedo en horario de 16:00 a 20:00 horas e haberá dispoñibles 15 prazas. O alumnado do CPI de Cervantes poderá desfrutar os días 16 e 17 de setembro dunha Xornada de astronomía con acampada nocturna para a que haberá 30 prazas. A actividade terá lugar de 19:00 a 00:30 horas.

O concello de Navia de Suarna acollerá entre os días 1 e 5 de agosto a actividade Reciclaxe e valores ambientais. Celebrarase na Escola de Barcia, estará destinada a nenas e nenos de 3 a 12 anos e terá lugar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Haberá dispoñibles 20 prazas. O 10 de setembro, desde a Escola de Barcia sairá ás 10:00 horas o Roteiro Navia no verán, unha iniciativa pensada para as familias e para a que haberá outras 20 prazas.

Becerreá acollerá unha Xornada de Divulgación de morcegos o 3 de setembro. Unha iniciativa pensada para as familias que contará con charla, obradoiro e saída nocturna. O punto de partida será o Telecentro do municipio, terá lugar en horario de tarde, de 19:00 a 20:00 horas. O 6 de setembro as nenas e nenos poderán apuntarse a Cantos e costumes das aves, unha actividade para a que haberá 20 prazas e que se desenvolverá no Centro Social de Becerreá entre as 10:00 e as 14:00 horas.