Deputación de Lugo

A Deputación saca a concurso a explotación da área recreativa dos Robles, cunha concesión de catro anos

Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou este venres a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar este ben de titularidade provincial cun prezo mensual de 550€

Aprobada a resolución definitiva das axudas do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, dotado con 300.000€ e do que se beneficiarán máis de 50 entidades asociativas da provincia para a execución de obras que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación da área recreativa dos Robles, na contorna do parque das Samasas, en Lugo. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo.

Estas instalacións, de titularidade provincial, contan con cafetería e un salón grande, unha terraza con vistas ao río e dúas piscinas, unha delas infantil. 

O prezo mensual da concesión está fixado en 550€, é dicir, 6.600€ ao ano, e será por tres anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano. “Faremos unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens”, explicou García Porto.

“A semana pasada o Presidente desta institución asinou o acordo para a concesión doutros bens de titularidade provincial, como son o restaurante Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos”, recordou a Deputada e destacou que “con estas concesións, non pretendemos obter unha renda económica, senón promover o uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”.

Creación dunha oficina técnica

García Porto informou tamén da aprobación na Xunta de Goberno da licitación por un importe de 200.000€ e un ano de duración dun contrato para establecer unha oficina técnica que dea apoio á Deputación co fin de adecuar os procesos e servizos do Centro de Proceso de Datos (CPD) da institución provincial á normativa de protección de datos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou licitar por 30.000€ un contrato para o subministro de material eléctrico para o bo funcionamento dos edificios e instalacións de titularidade da Deputación.

 
Impulso dos destinos turísticos intelixentes

Aprobada a adhesión da Deputación de Lugo ao protocolo xeral de actuación da Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR). “Con esta medida buscamos a promoción e o impulso dos destinos turísticos intelixentes na provincia de Lugo. Un traballo que se realizará co obxectivo de asesorar e apoiar aos concellos no seu ámbito territorial”, afirmou a voceira socialista.

 Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios 

García Porto anunciou tamén a aprobación da resolución definitiva da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. Trátase dunha liña de axudas dotada cun total de 300.000€, da que se beneficiarán máis de 50 entidades asociativas da provincia para a execución de obras que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural.