Deputación de Lugo
Formación

A Deputación resalta a idoneidade das xornadas DivúlgaT por visibilizar os proxectos e liñas de investigación do Campus

USC
Campus Terra
O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este martes na apertura dunha nova edición desta iniciativa que impulsa a Universidade de Santiago na Casa do Saber

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este martes na apertura dunha nova edición do encontro de divulgación científica DivúlgaT, que impulsa a Universidade de Santiago na Casa do Saber. Un acto no que participou o Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López.

Fernández Rico felicitou ao Campus na persoa do seu Vicerreitor “por promover este encontro aberto tan necesario e interesante, porque visibiliza e pon en valor as liñas e proxectos de investigación que se están promovendo no Campus Terra, pero, ao mesmo tempo, incentivan, con toda seguridade, que outros mozos e mozas coñezan e se interesen pola ciencia, pola investigación”, dixo. Tamén tivo palabras de recoñecemento para as persoas investigadoras que participan nesta acción. 

Reflexionou que a provincia de Lugo precisa “coma calquera territorio, do coñecemento para medrar e para avanzar, e iniciativas coma esta son pasos na boa dirección, que amosan aquelo que somos capaces de facer e o que queremos seguir sendo no futuro”. 

“Na Deputación de Lugo temos un firme compromiso co ensino superior público, coa Universidade, porque aporta un gran valor á provincia. Estamos convencidos de que o caudal de coñecemento que xera é fundamental para o desenvolvemento social e económico do territorio dunha maneira equilibrada e sostible”, indicou o Deputado. De feito, lembrou que a institución provincial ten en marcha conxuntamente co Campus Terra un proxecto de experimentación no ámbito do sector lácteo que é pioneiro en Galicia, e que está funcionando dende hai dous anos na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei.

Non deixou pasar por alto que programas como o DivúlgaT “son outra boa proba de toda esa capacidade que ten a Universidade, o noso Campus Terra, para transformar a sociedade e o tecido produtivo a través da investigación e da innovación”. “Nestes encontros imos coñecer traballos centrados na investigación veterinaria, tamén na xenética, xunto con outros centrados en cultivos como as ostras e os berberechos, e tamén sobre os incendios forestais, que por desgracia acadaron un novo récord este verán na provincia”, indicou.

Dúas xornadas

DivúlgaT arrancou este martes e continuará o vindeiro 29 de novembro, con outra sesión ás 19:30 horas. A asistencia é de balde e pódese asistir como público.

Na xornada de hoxe participaron Alejandro Cao e Sandra Raposo con Os perigos da auga; Marina Pampín, con Morte na ría: o caso do berberecho de Arousa; Inés Martínez, con Detección de marcas de resistencia a parásitos en ostra plana; Fernando Vázquez Miranda, con Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro; Nicolás Mejuto, con Que non che dean galego por francés!; Irene Ortiz, con Anatomía do pracer; Pablo Sánchez, con Zombis, enfermidades e cairomonas; e David García, con Gatos, embarazadas e ratos zombis. 

Para a segunda sesión, o 29 de novembro, estará Nerea Gandoy con Amor a primeira vista; Adrián Casanova Chiclana, con E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita;  Daniel Manuel Vázquez, con Migrantes, audiovisuais e redes; María Rosa Mosquera, con Incendios forestais e herbivorismo pírico; Ana Paula Losada, con A saúde comeza no intestino; María Almudena Graña, con Os inimigos micrscópicos: un taller na Noite Galega das Persoas Investigadoras; e Uxía Yáñez, con Unha vaca moi intelixente.