A Deputación condena os feminicidios e os ataques ás mulleres coa marcha En camiño contra as violencias
A Deputada de Muller e Igualdade leu diante da Deputación a Declaración Institucional con motivo do 25-N acordada polos tres grupos políticos da Corporación, que defende a loita contra a violencia de xénero dende os servizos públicos
Esta actividade pecha o programa organizado pola institución provincial con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no que se celebrou a segunda edición da xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais e a proxección do documental No se oye, obra do alumnado do Centro de Formación Audiovisual
A veciñanza da provincia uniuse este venres, 25 de novembro, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, á marcha reivindicativa En camiño contra as violencias organizada pola Deputación de Lugo para condenar os feminicidios e os ataques ás mulleres. O Presidente provincial, José Tomé Roca, e membros da Corporación encabezaron a sexta edición desta marcha, que partiu dende a Praza de San Marcos e percorreu as principais rúas da cidade ata o Centro de Formación Audiovisual.
A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, foi a encargada de ler a Declaración Institucional acordada polos tres grupos políticos da Corporación provincial con motivo do 25-N, que defende unha loita contra a violencia de xénero dende os servizos públicos. “Queremos compartir hoxe, como os 365 días do ano, a dor das mulleres que sofren violencia, dos seus fillos e filias, familiares e amigos e queremos facerlles chegar o noso apoio e o noso compromiso de non deixalas soas. Neste camiño dende a Deputación de Lugo seguimos insistindo na necesidade de que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero contemple medidas eficaces de loita contra as especificidades da violencia de xénero no eido rural”, recolle o documento.
Tras a lectura da Declaración Institucional arrancou a marcha, que percorreu as principais rúas do centro da cidade de Lugo para reivindicar a importancia de dar visibilidade ás violencias machistas, unha ferramenta fundamental para loitar contra esta lacra social.
“A loita contra a violencia machista e en favor da igualdade ten que ser transversal, compartida por toda a sociedade. Este camiño que hoxe facemos permite consolidar espazos de igualdade que permanezan inalterables no futuro, sen ideoloxías de odio ou calquera forma de violencia ou discriminación”, incidiu a Deputada María Loureiro.
En camiño contra as violencias é unha iniciativa que dende hai seis anos a Deputación organiza co alumnado de Produción do Centro de Formación Audiovisual. O propio estudantado involucrouse neste complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades.
Neste percorrido participaron representantes de diferentes entidades, así como veciñanza da provincia, que se foi encontrando actividades polas rúas do centro de Lugo.
Visibilidade e concienciación
O programa organizado pola Deputación con motivo do 25-N incluíu este ano a segunda xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, un coloquio protagonizado pola xornalista Ana Bernal-Triviño e a Oficial da Policía Nacional Elena Cruz Aguilar que se celebrou no Pazo de San Marcos. Esta iniciativa foi lanzada o ano pasado pola institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á lacra da violencia machista e combatela entre o conxunto da sociedade da provincia.
O xoves proxectouse o documental No se Oye, elaborado polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual. Este traballo, cunha duración de 30 minutos, recolle vivencias de abuso e dor que se viviron na antiga Casa Cuna, onde funciona hoxe o propio centro educativo, e no Hospital de San José, en tempos onde as desigualdades sociais eran moi fondas e os dereitos das mulleres menosprezados.
Así mesmo, na fachada da sede provincial tamén está despregada unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas.
Implicación dos concellos
A campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribuíu entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.