A Deputación ve na IV Xornada Técnica do Porco Celta “un dos froitos do excelente traballo da directiva de ASOPORCEL”

Fernández Rico mostrou o apoio da Deputación á actividade de ASOPORCEL: “o sector gandeiro é imprescindible polo que aporta ao coidado do medio ambiente, á ordenación do territorio e a prevención de incendios, a xerar riqueza e emprego, e polo tanto a fixar poboación, e a preservar e poñer en valor a nosa identidade como país”
O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este sábado na IV Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta de Galicia celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo pola Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL).
Fernández Rico subliñou que o encontro “é un dos froitos da excelente xestión” que está facendo a directiva da entidade, un traballo grazas ao que, “en poucos anos, pasamos de falar da práctica extinción da raza Porco Celta a falar dun crecemento enorme, o maior, con diferencia, que está a experimentar unha raza autóctona no noso país”.
O Deputado animou ao colectivo a seguir avanzando “nesa traxectoria ascendente”, para o que comprometeu o apoio da Deputación na medida das posibilidades da institución, en tanto que o apoio ao sector gandeiro “é algo imprescindible e irrenunciable por moitas razóns, e así o demostramos na ferramenta na que hai que plasmar os compromisos, que son os Orzamentos”.
Neste sentido, recalcou que os criadores de porco celta contribúen “a coidar o medio ambiente, a recuperar a biodiversidade, a ordenar o territorio e á prevención de incendios, a xerar riqueza e emprego e, polo tanto, a fixar poboación no territorio, e algo tamén moi importante, a preservar e poñer en valor a nosa identidade cultural”.
Así mesmo, Roberto Fernández Rico afirmou que o respaldo da Deputación obedece á súa vontade de “tratar de paliar as carencias da Administración que ten as competencias neste ámbito, que é a autonómica, e que demostra unha falta total de visión das medidas que son necesarias para afrontar os retos e aproveitar as oportunidades do sector, e polo tanto, do rural”.
Mostra dese apoio da Deputación de Lugo é o convenio de colaboración económica que ten con ASOPORCEL, a través do que lle aporta 39.000€ neste ano 2022, e o proxecto no que está traballando coa entidade e coa Universidade para “darlle un pulo á cría de porco celta”, afirmou o Deputado de Recursos Sostibles.