Adxudicada a renovación da sala de numismática do Museo de Lugo, que exporá de forma permanente o sestercio da caetra

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do contrato de renovación da Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo -Sala 10- para expoñer de forma permanente o sestercio da caetra e mellorar a protección, conservación e comunicación das outras pezas xa en exposición nese espazo, situado no primeiro andar. A intervención adxudicouse por 83.000 euros e cun prazo de execución de tres meses.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “coa execución deste proxecto de renovación culminará o traballo desenvolvido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para adquirir e incorporar ao patrimonio público o sestercio da caetra, unha peza de grande valor histórico e simbólico para Lugo xa que a súa cuñación esta ligada á orixe da cidade” e subliñou que “a actuación revalorizará a colección numismática do Museo Provincial do Lugo, que se atopa entre as máis importante do Estado, cunha perspectiva inclusiva que tratamos de incorporar a todas as actuacións e actividades que se desenvolven nos museos provinciais”
A sala reorganizarase arredor do sestercio da caetra, moeda BIC adquirida en agosto de 2023 pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e dotarase dunha nova museografía, que reforzará o carácter didáctico do espazo expositivo, con imaxes e elementos gráficos sobre a relevancia das moedas desde o punto de vista histórico.
A intervención incluirá a renovación das vitrinas, da iluminación e da sinalética así como a instalación de pantallas interactivas para proxectar imaxes 3D das moedas máis senlleiras e ofrecer unha experiencia inmersiva. Ademais, para enriquecer a experiencia das persoas visitante e fomentar a interacción coa colección, instalarase unha estación táctil e unha máquina expendedora de moedas, que permitirá crear réplicas personalizadas.
O contrato de renovación licitouse en dúas ocasións, a primeira vez, en outubro de 2024 cun orzamento base de 75.000 euros, quedando daquela deserta a adxudicación.
O sestercio da caetra
O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto é peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A súa cuñación atribúese a un taller móbil do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo, no século I a.C..
A moeda, declarada BIC en 2022, permanecía en mans dun coleccionista privado ata a súa adquisición por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo en agosto de 2023, nunha aposta por incorporar ao patrimonio público unha peza vinculada á historia da cidade de Lugo e revalorizar a colección numismática do Museo Provincial de Lugo.
Así, xunto ao sestercio da caetra, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo adquiriu en agosto de 2023 un lote de seis moedas -dúas suevas e catro visigodas- de baixa emisión, que amplían e completan a colección, unha das máis importantes do Estado, cunhas 10.000 moedas e medallas de distintas etapas históricas.