Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente inaugurou no Pazo de San Marcos a exposición fotográfica Destino, do monfortino Manuel Valcárcel

exposicións
José Tomé destacou que se trata dun traballo moi persoal do autor que “está a xogar con gran intelixencia as cartas de creatividade e talento que o destino lle outorgou”

A mostra, centrada en cinco viaxes ordenados de forma cronolóxica, está situada nos corredores da planta baixa da Deputación de Lugo e conta cunha trintena de cadros que poderán visitarse ata o 31 de xaneiro do 2023

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves no Pazo de San Marcos a exposición fotográfica Destino, de Manuel Valcárcel, que se poderá ver nos corredores da planta baixa do edificio provincial ata o 31 de xaneiro de 2023. No acto estivo acompañado polo artista monfortino e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. 

José Tomé destacou de Valcárcel que é unha persoa que “mantén o arraigo á súa terra e á súa cultura, e aprovéitao para intentar comprender mellor outras paisaxes e outras xentes”. Esta exposición conta con trinta fotografías nas que se retratan cinco viaxes en orde cronolóxica, “é o resumen dunha peregrinaxe feita polo autor, pero tamén unha invitación a viaxar con el polo mundo adiante a través das súas fotografías”, apuntou.

“Penso que Manuel Valcárcel está a xogar con gran intelixencia as cartas de creatividade e talento que o destino lle outorgou”, asegurou o Presidente, ao tempo que celebrou a oportunidade de “divulgar esta fantástica mostra entre os lucenses e entre todas as persoas que se acheguen ao Pazo de San Marcos”.

Reafirmou o compromiso da Deputación coa difusión da cultura e do talento lucense a través de axudas, de acordos de colaboración ou de respaldo ao audiovisual. 

A exposición

Destino é un proxecto que Manuel Valcárcel comezou en 2016 e no que realiza unha peregrinación interior por catro continentes no que vai unindo historias ligadas polo destino das eleccións do ser humano. A exposición divídese en cinco viaxes, que van en orden cronolóxico: O Tíbet, O Senegal, México, La Casa de los Dioses (León) e Galicia. Na institución provincial poden visitarse as dúas últimas paradas da viaxe.