Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación asiste á entrega dos V Premios Rafael Crecente de iniciativas innovadoras de xestión territorial

Innovación
premios
A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento participou no acto de entrega que tivo lugar no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior e destacou o compromiso da institución provincial coa ensinanza pública superior

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou esta tarde no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior, do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, na entrega da V edición dos Premios Rafael Crecente, de iniciativas innovadoras de xestión territorial. Este recoñecemento está impulsado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). 

González Abelleira destacou o compromiso de apoio ó ensino superior público da institución provincial. “Entendemos que a Universidade pública é un factor de desenvolvemento esencial para a nosa provincia, polo seu labor docente e tamén polo impacto que ten para a sociedade e a economía a súa actividade investigadora”, sinalou.

Apuntou que a universidade pública está fondamente comprometida co territorio no que se asenta e “xera un entorno que multiplica con creces os fondos que lle adicamos nos orzamentos”. A Deputada recordou que docentes e investigadores saben escoitar a experiencia do sector agrario ou gandeiro, “e contando con esa base, traballan para achegar innovacións científicas susceptibles de ser aplicadas para mellorar os procesos produtivos, para fomentar o benestar animal ou para desenvolver novos produtos”.

Os premiados
Felicitou aos premiados, Olga Vallejo López e Tomás Ariel Arteta Arteta, polo “seu traballo e o éxito que supón acadar este prestixioso galardón”. Destacou ademais que o profesor Rafael Crecente foi un pioneiro na conservación do medio ambiente, o desenvolvemento do rural ou a xestión do territorio e “penso que o mellor xeito de honrar a súa memoria e seguir investigando nas áreas ás que el dedicou o seu traballo”.