Deputación de Lugo

A Deputación participa na xornada de traballo da Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios de España

granxa gayoso castro
O Deputado de Participación Cidadá puxo en valor, na inauguración deste acto no que participaron representantes dos distintos centros universitarios de todo o territorio nacional, o compromiso da institución provincial coa ensinanza pública superior

García Pernas sinalou que a Facultade de Veterinaria de Lugo e o hospital Rof Codina “definen a calidade e o carácter do campus” e puxo como exemplo das colaboracións coa USC a Granxa provincial Gayoso Castro

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, puxo en valor este venres na inauguración das xornadas de traballo da Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios de España (AHVUE), o compromiso da institución provincial coa ensinanza pública superior. Neste encontro anual, que se recupera tras catro anos e que se celebrou na Casa do Saber, García Pernas sinalou que a Deputación de Lugo é “a institución provincial que dedica un maior volume de fondos propios a desenvolver programas de cooperación coa universidade pública”.

O evento, convocado pola Fundación Rof Codina, serve para a posta en común e a análise de asuntos de relevancia para o sector, ademais do análise de novos retos destes centros que son tamén formativos. 

A institución provincial colabora coa USC de xeito constante e fluído, segundo apuntou o Deputado, obtendo resultados “fundamentais para seguir deseñando o futuro do progreso que queremos para a provincia”. E recoñeceu Roberto García que a facultade de Veterinaria de Lugo e o hospital Rof Codina “son os centros emblemáticos, que definen a calidade e o carácter do lucense Campus Terra”.

“Falar de Veterinaria en Lugo é falar de ciencia e de investigación de primeiro nivel. Pero tamén de liñas de cooperación co Sector Primario, fundamental para a nosa provincia”, destacou o Deputado, que puxo como exemplo da acción do Goberno provincial neste sentido o traballo realizado na Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación.

No acto de inauguración tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o reitor da USC, Antonio López; e o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Gerardo Criado Guizán.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, participou onte no acto de benvida dos profesionais que asisten ás xornadas e destacou a importancia deste tipo de encontros para avanzar en cuestións de relevancia para o sector.