Deputación de Lugo
Economía

A Deputación aproba máis de 260.000€ para investir en novas dotacións nos concellos de Láncara e Quiroga

lancara
Quiroga
A Xunta de Goberno deste venres deulle o visto bo a convenios de colaboración para humanizar a rúa lancaresa Benigno Quiroga e para ampliar o cemiterio municipal quirogués

A institución provincial vén de captar unha subvención de 240.000€ que lle foi concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para un novo proxecto que se desenvolverá nos vindeiros meses

A Deputación de Lugo aprobou este venres dous convenios para continuar dotando de máis e mellores servizos os municipios de Láncara e Quiroga cun investimento de máis de 260.000€. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión da Xunta de Goberno. 

No caso de Láncara o convenio de colaboración entre a institución provincial ascende a 187.000€ para a humanización integral da rúa Benigno Quiroga da Pobra de San Xiao, unha das dúas arterias principais do municipio. “Esta é unha decisión moi importante para este Concello, pois evidénciase que responde a unha clara aposta polo rural do Presidente, que contribúe a fixar poboación e por poñer riba da mesa que en calquera Concello é posible desenvolver unha actividade económica se se cre niso”, subliñou o Deputado. 

Este novo acordo súmase ao que, hai apenas un ano, a Deputación de Lugo fixo con este mesmo municipio para adquirir os terreos e os edificios ferroviarios que o Adif ten en desuso na Pobra de San Xiao cunha achega de 75.000€.  Alí crearase un gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios, como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico.

Pola súa banda, tamén se lle deu o visto bo a un convenio de colaboración co Concello de Quiroga co obxectivo de ampliar o cemiterio municipal. Para este fin, a Deputación achegará 80.000€ en dúas anualidades. 

Captación de 240.000€ de novos fondos
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe aceptar a concesión dunha subvención de 240.000€ que lle foi concedida á Deputación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para un novo proxecto que se desenvolverá nos vindeiros meses.

Será unha iniciativa con diferentes actividades integradas e solucións completas para abordar o problema de perda de poboación que está sufrindo o noso rural. Crearanse 3 oficinas de reto demográfico en diferentes concellos da provincia para ofrecer unha atención directa ao cidadán,  haberá axudas para incentivar o arrendamento de vivendas no rural, se apostará por axudar a recuperar especies autóctonas para crear postos de traballo e riqueza no territorio e se porá en marcha un programa de becas e xornadas de especialización profesional, entre outras accións.