Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba melloras en vías provinciais por máis de 640.000€ de Baleira, Ribeira de Piquín, O Saviñao e Monterroso

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno deste venres deulle o visto bo á licitación de catro proxectos para renovar as estradas da institución provincial LU-P-5401, LU-P-4102, LU-P-5802 e a LU-P-3305

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación por 640.000€ para a mellora dun conxunto de estradas provinciais. Así o detallou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. 

En concreto, licítanse traballos para viais que discorren polos municipios de Baleira, Ribeira de Piquín, O Saviñao e Monterroso. No Saviñao, vanse mellorar dúas estradas provinciais. Por unha banda, actuaremos na LU-P-4102, que une Ferreira con Currelos cun investimento que supera os 120.000€. As obras afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 10,9 ao 14,7. Os traballos terán un prazo de execución de 2 meses. 

Rivera Capón explicou que dan “continuidade a outros traballos que a Deputación executou nesta mesma vía neste mandato cun investimento que supera os 300.000€ para mellorar o treito dos 3 primeiros quilómetros da estrada e o que vai dende o punto quilométrico 3,7 e 6,1. Polo tanto, con esta nova licitación, falamos de que se invisten máis de 425.000€ na mellora desta estrada, que é unha vía de comunicación moi importante para os veciños e veciñas da Ribeira Sacra, pois conecta co casco urbano de Pantón e serve de acceso a servizos fundamentais da localidade, como o centro de día, a gardería ou o tanatorio, ademais de ser a vía que une Pantón con Escairón”, subliñou.

Tamén no Saviñao imos arranxar o firme da estrada provincial LU-P-5802, que vai dende Porto ata Córneas polo Casar. Nesta vía imos renovar o treito que vai dende o punto quilométrico 6,4 ao 8,02 cun orzamento de licitación de máis de 74.000€. O prazo de execución é de 2 meses. 

En Monterroso, mellorarase a estrada provincial LU-P-3305, que conecta Sastrexas con Ligonde. As actuacións renovarán o firme entre o quilómetro 5,3 e 8,9 cun orzamento que supera os 180.000€. O prazo de execución é de 2 meses. “Neste caso, esta tamén é unha obra que completa a executada recentemente no tramo anterior a este, entre os quilómetros 4 e 5,3 cun investimento de 83.000€”, detallou o Deputado.  

Outra das vías que se renovará será a que conecta os concellos de Baleira con Ribeira de Piquín. Trátase da LU-P-5401, que une Boel ata A Muíña pasando por Martín. Arranxaranse dende o punto quilométrico 1 ata o 7,4 cun investimento que supera os 260.000€. O prazo de execución de 2 meses.