Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación inviste 180.000€ para a humanización da avenida Benigno Quiroga da Pobra de San Xiao

Láncara
O Presidente asinou co Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, un convenio de colaboración que permitirá mellorar unha das dúas arterias principais coas que conta o núcleo da Pobra de San Xiao e na que se atopa un gran número de establecementos

José Tomé: “Este acordo é o resultado da colaboración permanente da Deputación co Concello, que suma xa, no que vai de mandato, un millón e medio de euros, e que deu moitos froitos”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou este martes co Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, un convenio de colaboración entre ambas institucións, polo que a institución aporta 180.000€ para a humanización integral da avenida Benigno Quiroga do núcleo urbano da Pobra de San Xiao que ten un custo total de preto de 187.000€.

No acto, celebrado no Salón de Plenos do concello, tamén estivo presente o Deputado de Promoción Económica e Social e Tenente de Alcalde lancarés, Pablo Rivera Capón.

Tomé Roca destacou a importancia desta obra porque Benigno Quiroga é unha das dúas arterias principais coas que conta o núcleo da Pobra, onde se sitúan a maioría das tendas, entidades bancarias e locais de hostalería e onde viven ademais moitos veciñas e veciños deste municipio. “Polo tanto, o acondicionamento desta rúa terá un beneficio social, pero tamén económico”. 

“Esta obra demostra, unha vez máis, que o Alcalde de Láncara reúne os valores que teñen os grandes alcaldes, pois esfórzase por atender as necesidades do día a día dos seus veciños e veciñas e, ó mesmo tempo, ten un proxecto de futuro, a longo prazo, para o seu concello, e ten capacidade para sacalo adiante”, manifestou o Presidente. 

O Presidente amosou a súa satisfacción porque a Deputación axude a que este proxecto de futuro salga adiante con “aportacións como as que formalizamos hoxe, resultado da colaboración permanente co Concello de Láncara que suma xa, no que vai de mandato, 1,5M€, e que deu moitos froitos”, sinalou José Tomé.

O mandatario provincial puxo como exemplo a achega de 75.000€ para a compra dos terreos e os edificios ferroviarios do Adif, na Pobra de San Xiao. Concluíu felicitando ao Alcalde e destacando o traballo provincial para a posta en marcha de novos proxectos cos 67 concellos da provincia “na medida das posibilidades orzamentarias da Deputación”. 

O proxecto

Esta actuación permitirá mellorar o firme da Avenida Benigno Quiroga, con aproximadamente un quilómetro de lonxitude, que aportará unha maior durabilidade e estabilidade. Tamén se proxecta unha mellora de accesibilidade coa instalación de catro pasos de peóns elevados e a instalación de tres prazas adaptadas a persoas con mobilidade reducida. 

Así mesmo, este proxecto complétase coa sinalización horizontal e vertical necesarias que garante as condicións de accesibilidade e seguridade da vía.