Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación aporta 80.000€ a Quiroga para a ampliación e mellora do cemiterio municipal

Quiroga
O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde un convenio de colaboración que permitirá dotar ao camposanto de 1.138 unidades de enterramento máis, novos accesos, zonas axardinadas, un local de culto, aseos, almacén e peche

O mandatario provincial enmarcou este acordo no compromiso de máxima colaboración da Deputación con todos os concellos da provincia “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos ós seus veciños e veciñas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 80.000€ ao Concello para a ampliación e mellora do cemiterio municipal.

José Tomé destacou a importancia deste acordo, que responde á prioridade marcada pola institución de prestar a máxima colaboración posible a todos os concellos da provincia “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños e veciñas”.

Entre as melloras que o Concello poderá realizar grazas á aportación da Deputación está a de dotar ao camposanto de 1.138 unidades de enterramento máis –entre panteóns e nichos-, novos accesos, zonas axardinadas, un local de culto, aseos, almacén e peche. A actuación contará cun orzamento conxunto de 358.160€.

“Unha obra importante, para a que o Alcalde nos pediu colaboración, e á que hoxe lle damos cumprida resposta, para que os veciños e veciñas de Quiroga poidan dispoñer dos servizos que precisan”, subliñou Tomé Roca, que explicou que esta é a forma de traballar da Deputación. “O investimento que formalizamos aquí é un exemplo do modelo de xestión e de facer política que practicamos na institución provincial”, sinalou.

Por unha banda, concretou o Presidente, “practicamos unha política de feitos”, pois “non viñemos para facer ningunha promesa ou anuncio, senón xa, directamente, para firmar o convenio que permitirá sacar adiante o proxecto de ampliación do cemiterio de Quiroga”.

Por outra banda, explicou, “practicamos unha política de máxima colaboración cos 67 concellos da provincia de Lugo para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños, sobre todo no rural”. “Na Deputación traballamos para servir aos concellos con equidade, goberne quen goberne, sen mirar con diferencia a uns municipios sobre os outros”, subliñou o mandatario provincial.

2M€ da Deputación para Quiroga

O Presidente destacou que a colaboración formalizada hoxe co Concello de Quiroga “súmase ao apoio económico que vimos dando nos últimos anos, con instrumentos como o Plan Único, entre outros, tanto para servizos, como para infraestruturas, ou para a actividade do tecido social e económico deste municipio”. Un apoio “moi relevante” porque, recalcou, só no que vai de mandato a Deputación achegou a este concello practicamente 2M€.