Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación colabora co Xeoparque do Courel para avaliar o impacto dos incendios forestais do verán

Xeoparque Mundial do Noroeste de España
Montañas do Courel
lumes forestais
O Presidente asinou un convenio coa Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel a través do que a institución provincial achega 25.000 euros

A colaboración permitirá a publicación dun estudo en base a datos analíticos sobre os efectos producidos no patrimonio xeolóxico a consecuencia dos lumes na área de Rairos e a Montaña do Lor

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, Roberto Castro González, asinaron un convenio de colaboración para impulsar este territorio. A institución provincial achega 25.000€ que, entre outras actuacións, permitirá a elaboración dun estudo sobre os efectos dos incendios ocasionados en setembro do ano pasado, e coñecer como afectaron aos minerais e á estrutura nesta zona protexida da montaña luguesa.

Concretamente, a colaboración da Deputación permitirá á entidade recoller toma de mostras sobre o terreo, o seu análise en laboratorio e, posteriormente, a publicación dos resultados do estudo en base a datos analíticos para avaliar os efectos producidos no patrimonio xeolóxico a consecuencia da vaga de lumes que devastaron a área de Rairos e a Montaña do Lor.

Outra das actuacións que se levarán a cabo con esta iniciativa é a elaboración dun cálculo das reservas de carbono presente no chan da Devesa da Rogueira; e obter información de interese xeolóxico sobre Paradela, Val das Mouras e a Lagoa de Lucenza. 

José Tomé valorou a importancia deste territorio para “achegar á provincia de Lugo turistas que buscan natureza e destinos tranquilos e non masificados, ademais de persoas interesadas na xeoloxía que cada ano atrae a máis visitantes”. Explicou tamén que con esta colaboración, a Deputación de Lugo “mellorará a promoción turística e a visibilidade deste primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España distinguido pola UNESCO”.

O Courel como destino turístico

A UNESCO declarou en 2019 as Montañas do Courel como o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.