Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación promocionará o románico da Ulloa, Os Ancares, O Courel e a comarca de Sarria coa publicación de dúas guías

Ruta Transrománica
románico
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para editar 1.000 exemplares de cada tomo e a impresión de 2.000 trípticos complementarios a estas publicacións, que forman parte dun proxecto editorial máis amplo da institución para poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio románico do conxunto da provincia como recurso turístico

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do contrato para a publicación de dúas novas publicacións sobre o patrimonio románico da provincia de Lugo, centradas na Ulloa, Os Ancares o Courel e a comarca de Sarria. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo que esta acción busca favorecer a promoción deste estilo arquitectónico como factor importante para dinamizar o sector turístico.

A Deputación editará 1.000 exemplares dunha guía sobre o románico da comarca da Ulloa e outros 1.000 dunha centrada na zona dos Ancares, o Courel, e a comarca de Sarria, así como un total de 2.000 trípticos complementarios a estas publicacións. O contrato foi adxudicado a Producciones 60 Ráfagas S.L. por 36.179€ e un prazo de entrega de 11 días. “Estas dúas guías forman parte dun proxecto máis amplo, composto de catro volumes que farán un percorrido por este estilo arquitectónico ao longo de toda a provincia”, explicou García Porto.

Recordou que a institución provincial ten “publicada a correspondente á comarca da Ribeira Sacra, agora publicaremos as referidas á Ulloa, e aos Ancares, O Courel e Sarria, e neste ano 2023 sacaremos á correspondente ás comarcas de Lugo, A Chaira e A Mariña, coa cal quedaría completada a serie”. Miguel Mendoza é o autor destas publicacións, que están ilustradas con fotografías de Pepe Tejero e de Roberto Díaz, e que están en galego, castelán e inglés.

“Esta iniciativa forma parte da estratexia que estamos promovendo dende a Deputación para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio románico da provincia como un poderoso reclamo turístico, ó redor do que seguir consolidando unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”, explicou a Deputada.

No marco desta estratexia, o vindeiro xoves, 19 de xaneiro, a institución provincial presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a nova campaña de promoción turística que, co lema Lugo, provincia románica, está precisamente centrada na promoción do románico como recurso turístico, e que protagoniza o acto soberino premiado cun Goya no ano 2022 Chechu Salgado.

Cooperación cos concellos

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello de Trabada de destinar remanentes do Plan Único 2022 por un importe de case 5.000€ para a mellora do pavillón deportivo. A voceira destacou que a institución provincial continúa “colaborando cos concellos da provincia para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas, un liña de traballo prioritaria que temos marcada na Deputación de Lugo”.

Acelera PEMES

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria pública e as bases que rexerán o procedemento para seleccionar o persoal que desenvolverá traballos de dinamizador dixital dentro do programa Acelera PEMES, un proxecto dotado con 500.000€ que a Deputación arrancará nas vindeiras semanas grazas aos fondos que conseguiu captar da Unión Europea. Consiste na prestación de asesoramento e soporte gratuíto ás pequenas e medianas empresas, e autónomos da provincia en materia de transformación dixital. Nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia as bases do proceso selectivo.