Deputación de Lugo
Formación
Innovación e TIC

A Deputación emite este venres en directo o X Concurso Lucus Intercentros desde o IES Muralla Romana

Lucus Intercentros
IES Muralla Romana
O alumnado do Servizo de Audiovisuais será o encargado do streaming do certame, que poderá seguirse a partir das 11:00 horas na canle de YouTube do SdeA e da web do IES Muralla Romana

A institución provincial colabora un ano máis coa difusión deste concurso de preguntas e respostas no que participan estudantes de 1º de bacharelato dos sete institutos da cidade de Lugo

Este xoves os alumnos e alumnas de 2º de Realización están a traballar nos preparativos para o streaming que levarán a cabo baixo a supervisión dun docente como práctica nun escenario real

Alumnas e alumnos de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual (CFA) da Deputación de Lugo serán os encargados da emisión en directo do X Concurso Lucus Intercentros que se celebra este venres, 20 de xaneiro, no IES Muralla Romana da cidade de Lugo. Os estudantes xa están a traballar este xoves nos preparativos necesarios para levar a cabo o streaming, que se poderá seguir a partir das 11:00 horas na ligazón https://youtu.be/poIbMk854wY, na Canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais, e na web  www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana

O organismo provincial colabora un ano máis coa difusión deste concurso de preguntas e respostas no que participa alumnado de 1º de bacharelato dos sete institutos da cidade de Lugo: Ánxel Fole, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes. O obxectivo da iniciativa é favorecer a interrelación de alumnado e profesorado dos centros de Educación Secundaria da capital.

O Concurso, organizado polo Departamento de Administración e Xestión do IES Muralla Romana conta tamén coa colaboración de profesores dos institutos participantes, que elaboran as preguntas do certame. Ademais, o CIFP Politécnico de Lugo encárgase dos pulsadores, e os Departamentos de Informática e de Imaxe Persoal do IES Muralla Romana, da presentación dixital  e da perruquería e maquillaxe.

Práctica nun escenario real

A emisión por streaming do Concurso Lucus Intercentros é unha das prácticas en escenarios reais que realiza o alumnado do CFA ao logo do curso, dentro do modelo formativo promovido pola institución, que inviste nun ensino público de calidade.

Neste caso, a práctica está repartida en dúas xornadas. Este xoves os alumnos, supervisados por un técnico e un docente, están a traballar nos preparativos. Para o estreaming empregarán varias cámaras e todo o material preciso para a transmisión dun evento a través de Internet. Os estudantes rotarán polos distintos postos, desde realizador e mesturador de vídeo e son, ata operador de cámara, co obxectivo de aproveitar ao máximo esta práctica formativa.

Concurso

O Concurso Lucus Intercentros desenvolverase a partir das 11:00 horas no salón de actos do IES Muralla Romana. Os equipos, formados por tres alumnos, deberán responder a dez preguntas sobre actualidade económica, política e social e sobre as materias que se imparten en 1º de bacharelato, como bioloxía, inglés, xeografía ou lingua.  Ao remate, ás 13:30 horas, celebrarase a entrega de premios. Os equipos que se clasifiquen nos tres primeiros postos recibirán vales de compra para material informático. Ouros catro, recibirán obsequios do IES Muralla Romana.