Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo adxudica as obras de construción da residencia de Guitiriz por 2M€

Guitiriz
A Xunta de Goberno sacou adiante o novo contrato para construír o Centro de Atención a Maiores do municipio chairego, cumprindo co compromiso adquirido polo Presidente

Licitadas as obras para a mellora e acondicionamento de tres estradas provinciais en Abadín, Monforte de Lemos e Castro de Rei por un importe conxunto de 820.000€

Adxudicada a explotación do restaurante do Club Náutico de Portomarín para un período de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha

Aprobado o Plan Estratéxico de Subvencións 2023-2025, dotado con 8,2M€, que servirá para manter o amplo e diverso tecido asociativo da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación das obras para construír o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz, cun orzamento de preto de 2M€. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que “cumprimos así co compromiso manifestado polo Presidente da Deputación á Alcaldesa e ós veciños e veciñas de Guitiriz, sacando adiante un novo contrato para construír a residencia deste municipio chairego”.

A empresa adxudicataria é Jesús Naray SL e o prazo de execución do proxecto é de 18 meses, unha vez iniciados os traballos.

García Porto sinalou que esta dotación “cubrirá unha demanda social e xerará economía e emprego no concello e na comarca gracias á implicación da Deputación de Lugo e do Concello”, e lamentou precisamente que a institución provincial continúa a traballar na súa rede de residencias “sen ningún apoio por parte da Xunta de Galicia, que é a Administración que por Lei ten as competencias en materia de servizos sociais, e que debería asumir, ou cando menos colaborar, para crear este tipo de dotacións tan necesarias no noso rural”.

Lembrou a voceira socialista que o ano pasado foi necesario asinar un novo convenio de colaboración da Deputación de Lugo co Concello, despois de que un temporal provocara o colapso do edificio da Casa da Botica, un inmoble no que estaba previsto albergar boa parte das instalacións do centro de maiores. “Un incidente que obrigounos a comezar practicamente de cero”, relatou. 

Enumerou García Porto neste sentido que foi necesario resolver o contrato coa anterior empresa adxudicataria das obras; redactar un novo proxecto, que tivo que validar o servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; tramitar e aprobar un novo convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello; e sacar adiante un novo contrato para a construción da residencia, que é o proceso que conclúe hoxe coa adxudicación das obras. Lembrou ademais que o novo proxecto da residencia supón un incremento do orzamento en 450.000€, que asume na súa totalidade a Deputación de Lugo, “unha nova mostra do compromiso que temos co Concello e cos veciños de Guitiriz”, indicou.

Con este novo proxecto “Guitiriz contará cunhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial que temos implantado na Deputación”, explicou García Porto, quen engadiu que se respectan os elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, que quedarán integrados no novo edificio.

Estradas provinciais

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 820.000€ en obras para o acondicionamento e mellora de tres estradas da Deputación de Lugo ao seu paso polos concellos de Abadín, Monforte de Lemos e Castro de Rei. 

En concreto, saen a licitación as obras para rehabilitar o firme da estrada do Cadramón, a LU-P-0101, que conecta Gontán, en Abadín, con Ferreira do Valadouro. Uns traballos que afectarán a preto de cinco quilómetros ó inicio da vía e que terán un orzamento de 340.000€.

Así mesmo, quedou licitado, por un importe de 331.000€, o proxecto para mellorar a LU-P-3205, que conecta Monforte coa estrada de Sober polo polígono industrial do Reboredo. As actuacións afectarán a tres quilómetros, dende o punto 0,535 ao 3,175.

A maiores, a Xunta de Goberno aprobou declarar de emerxencia a execución das obras necesarias para reparar a estrada provincial LU-P-1706, que une Cospeito con Castro Ribeiras de Lea, á altura do Pontello dos Lobos, onde a vía sufriu danos polo temporal de fortes choivas do pasado Nadal. O investimento para repoñer o firme tras o afundimento do arco metálico da ponte ascende a 150.000€ e a empresa que executará os traballos é o Grupo Bascuas 2008 SL, que é a que se encarga precisamente da conservación das estradas situadas nesta zona da provincia. Este paso administrativo permitirá á Deputación actuar coa máxima axilidade posible, segundo recalcou a voceira provincial socialista.

Club Náutico de Portomarín

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación por concurso da explotación do Club Náutico de Portomarín, de titularidade provincial. A oferta con máis puntuación das presentadas é unha proposta para explotar este espazo como cafetería e restaurante. As instalacións do club náutico de Portomarín contan cun salón grande que pode usarse a modo de comedor e unha terraza sobre o Miño. Entre os criterios para a avaliación, tívose en conta o prezo ofertado, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións, e a memoria técnica e xestión empresarial.

A concesión é por un período de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha. O prezo mensual que debe abonar a adxudicataria é de 310€, o que suporá 3.720€ ó ano. “Coa concesión deste tipo de instalacións, como pode ser o Club Náutico de Portomarín, o de Ponte do Sil ou o Mazo de Santa Comba, a Deputación non busca rendibilidade económica, senón promover o uso e manter activas estas dependencias, de alto atractivo hostaleiro e turístico, para que sexan aproveitadas pola cidadanía e xerar actividade económica na provincia”, explicou Pilar García Porto.

Plan Estratéxico de Subvencións 2023-2025

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda , o Plan Estratéxico de Subvencións 2023-2025, que conta cunha dotación económica de 8,2M€, aínda que esta cantidade poderá incrementarse en función do crédito dispoñible. “Trátase do instrumento que regula a concesión de axudas económicas da Deputación ó conxunto do tecido asociativo da provincia, tanto de carácter nominativo, como de concorrencia competitiva”, explicou a voceira, que sinalou tamén que “serve para manter o amplo e diverso tecido asociativo co que contamos na provincia de Lugo, e que dinamiza o territorio a nivel social e económico”.

Entre as liñas de actuacións do PES, as que teñen que ver coa xeración de riqueza ou a promoción económica da provincia contan cunha dotación de máis de 1,3M€; promoción do Territorio e Turismo, de máis de 510.000€; Benestar, de 572.000€; ou Medio Ambiente, de 330.600€.