Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo destina medio millón de euros a acondicionar o entorno do Fogar de Santa María para crear 165 prazas de aparcamento de uso público

Fogar de Santa María
A Xunta de Goberno aprobou a licitación das obras, que consisten na reordenación dos espazos, afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio de Vías e Obras, rede de pluviais, instalación de luminarias, e acondicionamento do acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios

Licitadas por un importe de 125.000€ as obras para a rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-2903, de Carballido a Poutomillos por Santalla de Bóveda, no concello de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación por un importe de medio millón de euros das obras para acometer a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen incidiu en que este proxecto “permitirá cuadriplicar o número de prazas de estacionamento para uso público neste recinto, pasando das 40 que existen actualmente a unhas 165 prazas”. 

García Porto recordou que con esta actuación o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, cumpre o seu compromiso de reordenar e acondicionar o entorno do complexo de Santa María, unha vez acometidas as obras de rehabilitación e mellora nos pavillóns un e dous cun investimento de 1,7M€.

A Voceira socialista lembrou que esta obra xa saíu a contratación, pero “quedou deserta porque non se presentou ningunha oferta”. “Logo de facer todos os trámites pertinentes e revisar os prezos, na Xunta de Goberno de hoxe aprobamos volver a licitala por preto de medio millón de euros, o que supón un incremento de practicamente 100.000€”, explicou a Deputada.

Os traballos, que afectarán á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, “consistirán na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios”, apuntou a Deputada. 

Unha vez rematadas as obras, cun prazo de execución de 4 meses unha vez iniciadas, a Deputación de Lugo abrirá o estacionamento ao público, de forma gratuíta e fóra do horario laboral do cadro de persoal da institución provincial.

García Porto incidiu en que “esta medida de poñer a disposición da cidadanía as prazas de aparcamento de Santa María fóra do horario de traballo do persoal provincial foi acordada polo Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no seo da comisión de seguimento do convenio de cesión dos pavillóns do complexo que existe entre o Concello e esta institución provincial”. 

Estradas provinciais

A Xunta de Goberno aprobou tamén hoxe outras obras no concello de Lugo, como é a licitación do contrato para a rehabilitación de dous quilómetros da estrada provincial LU-P-2903, de Carballido a Poutomillos por Santalla de Bóveda. O proxecto, que ten un orzamento que supera os 125.000€ e un prazo de execución de dous meses, afectará ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 5,7 e 7,7, e consiste na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal.

En materia de estradas, o Executivo acordou a licitación do contrato para a rehabilitación do firme da LU-P-2801, de Santo Tomé a Mazo por Augaxosa. Esta actuación, que afecta ao treito que vai do punto quilométrico 0,9 ao 3, ten un orzamento de 185.000€ e un prazo de execución de 2 meses. 

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou declarar de emerxencia a execución da obra de restitución do sostemento da estrada provincial LU-P-5303 á altura do punto quilométrico 2,3, no concello de Ribas de Sil, como consecuencia da rotura dun antigo muro que sostiña a plataforma. Estes traballos supoñen un investimento de 86.000€.

Emprego público

A Xunta de Goberno aprobou as bases específicas para constituír unha lista de emprego temporal para prestar servizos de técnico de normalización lingüística. As bases sairán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.

Saíu adiante tamén a solicitude do Concello de Friol de destinar remanentes do Plan Único do ano 2022 por importe de 30.000€ ao acondicionamento e mellora dun camiño no lugar de Cima de Vila.