Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación celebra cos veciños e visitantes de Navia de Suarna a XXXII Festa da Androlla

Festa da Androlla
Navia de Suarna
José Tomé Roca, xunto ao Alcalde naviego, José Fernández, e deputados, participou nesta cita gastronómica coa que colabora a institución provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, e deputados e deputadas provinciais, participou este domingo na XXXII Festa da Androlla, que reuniu a centos de veciños e veciñas e visitantes neste concello da Montaña.

José Tomé subliñou que esta emblemática cita gastronómica, que se celebra sempre coincidindo co domingo de Entroido, “supón un revulsivo económico para Navia de Suarna, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio”. A institución provincial colabora co festexo, onde se puxeron á venda arredor de 4.000 quilos de androlla.

A androlla é un produto de primeira calidade, elaborado coas materias primas excepcionais que facilita o sector primario. Tomé Roca destacou que “gandeiros e produtores, sector primario e pemes, son un exemplo dese tecido produtivo para a pervivencia do noso rural”.

As actividades arrancaron cun pasarrúas, que continuou coa degustación de androlla na Praza da Vila e o xantar oficial. O peche da festa terá lugar pola tarde cunha actuación musical.