Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación organiza novas actividades divulgativas para toda a familia na Reserva dos Ancares Lucenses

Reserva da Biosfera
Ancares Lucenses
Medio Ambiente
O programa, totalmente gratuíto, desenvólvese en Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna en marzo e inclúe accións como un obradoiro de vimbio, un curso de cociña tradicional e outro de debuxo, concertos ou unha actividade para aprender a recuperar soutos abandonados

As inscricións faranse por orde de reserva ata cubrir as prazas ofertadas para cada unha das accións. As persoas interesadas poden anotarse dirixíndose ao correo ancareslucenses@deputacionlugo.org ou chamando ao 982 227 812 ou 982 227 813

A Deputación de Lugo organiza unha nova programación de actividades de divulgación e educación ambiental sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, un territorio recoñecido pola UNESCO que xestiona a propia institución provincial.

As seis accións, totalmente gratuítas, desenvolveranse durante o mes de marzo en distintos puntos dos concellos que conforman a Reserva: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Todas aquelas persoas interesadas en anotarse para participar nalgunha das actividades poderán reservar a súa praza chamando ao 982 227 812 ou 982 227 813, e tamén a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org As inscricións faranse por rigorosa orde de reserva.
Estas iniciativas forman parte da liña de traballo que se marca a Deputación de Lugo dende as dúas Reservas que xestiona para impulsar accións e actividades que redunden na conservación e mellora do territorio a través da sensibilización e divulgación. 

Programación
O programa está dirixido a todos os públicos e inclúe obradoiros, concertos e cursos: 

Becerreá
-    11 e 12 de marzo: Demouca e recuperación de soutos abandonados. Actividade dirixida a adultos, no Centro Social de Becerreá, de 10.00h a 14.00 h e de 16.00h a 20.00h. Prazas dispoñibles: 15.

-    11, 18 e 25 de marzo: Curso de debuxo sobre o patrimonio artístico e natural dos Ancares. Actividade orientada a nenos e nenas, no Centro Social de Becerreá, en horario de 16.30h a 19.30h. Prazas dispoñibles: 15.

Navia de Suarna
-    11 e 18 de marzo: Obradoiro de vimbio. Orientado a adultos, na Escola de Barcia, entre as 16.30h e 21.00h. Prazas dispoñibles: 15.

-    22 de marzo: Curso de cociña tradicional con produtos dos Ancares. Actividade dirixida a adultos no Bar Xegunde, de 16.00h. a 20.00h. Prazas dispoñibles: 15.


Cervantes
-    22 de marzo: Concerto didáctico sobre sons da natureza. Realizarase esta actividade con motivo do Día Mundial da Auga no CPI Cervantes, en horario de 12.30h a 13.30h. Dirixida a nenos e nenas. 

-    25 de marzo: Obradoiro de vimbio. Esta actividade está dirixida a adultos e farase no edificio de Servizos Múltiples. Será en horario de 16.00h. a 20.00h. Prazas dispoñibles: 15.
 

Cartel actividades Ancares Lucenses