Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente pon en valor a proxección que acada Lugo como Capital da Cultura do Eixo Atlántico

Lugo
cultura
Eixo Atlántico
José Tomé Roca participou este xoves na gala que marcou o inicio dunha ampla programación que situará á cidade como escenario de máis de 30 programas e máis dun centenar de actividades diferentes ao longo deste ano

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este xoves á gala de apertura Lugo, capital da cultura que organiza o Eixo Atlántico xunto co Concello de Lugo. Un evento que acolleu o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e no que tamén estivo a presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o vicepresidente do Eixo Atlántico e Alcalde de Braga, Ricardo Machado Río, entre outras autoridades.

José Tomé Roca felicitou á rexedora lucense pola proxección que consigue da cidade situándoa como Capital da Cultura do Eixo Atlántico, salientando que a capital da provincia vai acoller máis de 30 programas diferentes durante este ano 2023 e máis dun centenar de actividades referentes a todas as disciplinas culturais e artísticas. “É un éxito para o concello de Lugo e tamén para o conxunto da provincia acoller unha programación tan completa e de tanta calidade coma esta, onde se mesturará o talento lucense co do resto de Galicia e do norte de Portugal”, subliñou.

Esta será a sétima edición desta cita que aterra agora en Lugo para situar a cidade no mapa cultural internacional.