O Presidente participa na Asemblea Anual do Eixo Atlántico celebrada en Lugo, Capital da Cultura 2023

José Tomé felicitou á Acaldesa por acadar para a súa cidade a capitalidade cultural do Eixo Atlántico, e destacou “a súa xestión extraordinaria, coa que aproveita o legado da Historia e a cultura para deseñar a partir delas estratexias de desenvolvemento innovadoras, sostibles, que impulsan a cidade do futuro”

Como Vicepresidente da Comisión Política de Innovación Social, destacou a elaboración dun Mapa de Cohesión Social, un estudo que supón “un punto de partida para deseñar o futuro dos territorios do Eixo Atlántico dende claves de desenvolvemento sostible, igualdade, equilibrio territorial e universalidade no acceso ós servizos públicos”

Na reunión aprobouse un presuposto de máis de 4,5M€ para fixar as accións a desenvolver, poñendo o foco en tres eixos: reforzar o coñecemento para o desenvolvemento, continuar co impulso da sustentabilidade na loita contra o cambio climático, e accións de política social, o deporte e a cultura

Lara Méndez avanzou que o obxectivo neste 2023 “é que o Eixo Atlántico siga crecendo en proxectos, e sempre cunha visión clara de futuro para que os concellos e as deputacións que integramos a eurorrexión dispoñamos de ferramentas de traballo analíticas e realmente útiles ante os retos que se aveciñan”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada na cidade de Lugo, Capital da Cultura deste territorio transfronteirizo neste ano 2023. Á reunión, que estivo liderada pola Presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiron alcaldes e concelleiros das 41 entidades que conforman desde hoxe este grupo galaico-portugués tralas novas incorporacións das Cámaras Muncipais de Esposende, Felgueiras e Vila do Conde, co obxectivo de establecer as liñas de acción para este ano 2023. 

No desenvolvemento da Asamblea, que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia, na súa intervención, José Tomé felicitou á Alcaldesa lucense “por ter conseguido para a súa cidade a capitalidade cultural do Eixo Atlántico”. “Penso que Lara Méndez está a facer unha xestión extraordinaria, cunha política intelixente, coa que aproveita o legado da Historia e a cultura para deseñar a partir delas estratexias de desenvolvemento innovadoras, sostibles, que impulsan a cidade do futuro”. Un traballo, engadiu, “que está a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo e que proxecta unha imaxe moi boa desta cidade e tamén do conxunto da nosa provincia.”

Polo que respecta ó traballo da Comisión Política de Innovación Social, en calidade de Vicepresidente da mesma, o máximo mandatario provincial destacou “os resultados do Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico, que expuxemos nunha reunión da Comisión celebrada o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela, e que temos previsto presentar no vindeiro mes de xuño, despois das eleccións municipais en Galicia”. 

“Trátase dunha iniciativa pioneira, porque é a primeira vez que en Europa se acomete un estudo deste tipo para un territorio transfronteirizo. Un estudo completo e analítico da relación dos habitantes das cidades da eurorrexión coa saúde, o emprego, ou o acceso ás novas tecnoloxías, que atende tanto ás condicións de vida, como ós hábitos sociosanitarios e de ocio, o acceso á educación, ou á participación nos procesos democráticos, entre outros parámetros sometidos a medición”, sinalou o Presidente. 

Este documento compón unha foto o máis exacta posible da realidade do conxunto deste territorio transfronteirizo de Galicia e o norte de Portugal, polo que, apuntou José Tomé, “está pensado para estar –en papel ou na pantalla do ordenador- sobre as mesas dos responsables políticos e dos técnicos, para axudarnos a deseñar e desenvolver políticas públicas que corrixan os desequilibrios ou desigualdades que se poidan detectar en cada zona”.

Explicou que “este Mapa non é un punto de chegada. É un punto de partida para deseñar o futuro dos territorios do Eixo Atlántico dende claves de desenvolvemento sostible, igualdade, equilibrio territorial e universalidade no acceso ós servizos públicos”, porque “sen igualdade no acceso ós servizos públicos non hai cohesión social”.

Rematou o Presidente provincial ratificando o seu compromiso e o de todos os membros da Comisión Política de Innovación Social “de seguir traballando para acadar os obxectivos que nos temos marcados, e avanzar cara territorios e sociedades cada vez máis inclusivos, resilientes e sostibles”.

Obxectivos 2023

A XXXI Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrada en Lugo aprobou un presuposto de máis de 4 millóns e medios de euros. Entre os eixos principais, destaca a idea de reforzar o coñecemento para o desenvolvemento, onde unha das novidades será a elaboración dun informe de Economía Social e un sistema de innovación transformador.

A presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinalou que “o 2023 será un ano de continuidade dos programas xa iniciados, poñendo o acento especialmente en tres ideas: reforzar o coñecemento para o desenvolvemento, que estamos xa a articular a través das distintas comisións políticas; continuar co impulso da sustentabilidade na loita contra o cambio climático, para o que traballamos desde a Axencia de Ecoloxía Urbana coa implantación do Pacto Verde europeo, o Novo Bauhaus ou as medidas enerxéticas que a Comisión Europea está poñendo en marcha e, finalmente, a través do programa Unha Eurorrexión dos cidadáns, polos cidadáns e para os cidadáns, no que se levarán a cabo accións relacionadas coa política social, o deporte e a cultura.

Méndez avanzou, igualmente, que durante este exercicio a entidade prepara as candidaturas do Eixo ás convocatorias de fondos europeos nas liñas antes definidas e seguirá informando sobre os novos programas financeiros da UE, mantendo unha canle permanente de comunicación con Bruxelas. 

“Trátase de que o Eixo Atlántico siga crecendo en proxectos, e sempre cunha visión clara de futuro para que os concellos e as deputacións que integramos a eurorrexión dispoñamos de ferramentas de traballo analíticas e realmente útiles ante os retos que se aveciñan, sempre – engadiu - cos obxectivos de ser máis competitivos para acadar un maior desenvolvemento económico dos nosos territorios, lograr unha sociedade máis xusta e equitativa, con menos desigualdades sociais e impulsar as transformacións urbanas para mellorar a calidade de vida da cidadanía, sendo proactivos na loita contra o cambio climático, sabedores de que as accións de hoxe serán a garantía de futuro para as xeracións do mañá”, concluíu a tamén Alcaldesa lucense.

Continúa o lobby no ámbito das infraestruturas onde os aspectos novos son o acceso a Santa Maria da Feira na nova liña Lisboa–Porto, a mellora da liña do Douro, a nova estrada Bragança–Otero de Sanabria para o acceso do AVE, a finalización da autopista Lugo-Santiago e a construción da autopista Ponferrada–O Barco de Valdeorras-Monforte e o seu enlace coa de Lugo–Ourense.

Outro dos obxectivos é o impulso á sustentabilidade urbana e á loita contra o cambio climático no contexto do desenvolvemento económico conxunto e a aplicación do programa Unha Eurorrexión dos cidadáns, polos cidadáns e para os cidadáns, no que se desenvolven accións relacionadas coa política social, o deporte e a cultura.