Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aproba unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller

Día Internacional da Muller
Imaxe deputación de lugo
O acordo da Corporación provincial con motivo do 8M expresa o compromiso da institución provincial coa loita pola igualdade e cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade verdadeiramente xusta

A institución fai fincapé na necesidade de garantir que os avances científicos e o desenvolvemento das novas tecnoloxías non xere un novo modelo de exclusión tecnolóxica da muller

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller na que reivindican a loita pola igualdade, plena e efectiva, e os valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto acordado previamente nunha Xunta de Voceiros e Voceiras convocada polo Presidente provincial, José Tomé Roca.

Na declaración, a Deputación fai fincapé na necesidade de garantir que os avances científicos e o desenvolvemento das novas tecnoloxías non xere un novo modelo de exclusión tecnolóxica da muller ou mesmo dea orixe a novas situacións de desigualdade ou violencia. Así mesmo, apoia o desenvolvemento de iniciativas que poñan en valor a presencia da muller no eido da ciencia e da tecnoloxía.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A Deputación de Lugo quere sumarse un ano máis ás reivindicacións do Día Internacional da Muller e reafirmar o seu compromiso cos valores do feminismo, uns valores esenciais para acadar unha sociedade verdadeiramente xusta. A igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos

Nacións Unidas elixiu neste 2023 como lema para o 8M Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero, para facer fincapé na necesidade de garantir que os avances científicos e o desenvolvemento das novas tecnoloxías non xere un novo modelo de exclusión tecnolóxica da muller, ou mesmo dea orixe a novas situacións de desigualdade ou violencia. Segundo el informe Gender Snapshot 2022 de ONU Mujeres, a exclusión das mulleres do mundo dixital ten recortado o PIB daqueles países con baixos ingresos na última década, e se estima que a perda ascenderá a máis de 1,5 billóns de dólares en 2025 se non se toman medidas axeitadas.

Precisamos seguir desenvolvendo iniciativas que poñan en valor a presencia da muller no eido da ciencia e da tecnoloxía. E ofrecerlle ás novas xeracións exemplos de mulleres investigadoras, emprendedoras e impulsoras de avances tecnolóxicos que lles sirvan de exemplo. 

No caso dunha provincia como Lugo, as mulleres do rural sofren esta brecha tecnolóxica por partida dobre, xa que ós condicionantes de xénero que aínda se atopan no conxunto da sociedade, se engaden as limitacións de acceso ás novas tecnoloxías derivadas do carácter rural da meirande dos nosos núcleos de poboación. O acceso ó 5G ou á telefonía móbil de calidade segue sen estar garantido para moitas mulleres da nosa provincia, e compromete o seu acceso á información, a súa participación na vida social e o desenvolvemento dos seus proxectos de emprendemento. Impulsar e reclamar a chegada das novas tecnoloxías ó noso rural é tamén un xeito de loitar polos dereitos das mulleres, que é loitar polo futuro do rural.

Segundo o Observatorio de Igualdade e Emprego, a fenda salarial entre homes é mulleres era do 18,7% no ano 2012. Hoxe, tense reducido a un 9,4%, unha cifra inferior á media da UE, que se sitúa no 13%, pero contra a que cumpre seguir loitando para acadar a plena igualdade laboral. Os avances acadados nos últimos anos neste eido poden verse comprometidos se as mulleres non se atopan en situación de igualdade para acceder ós novos empregos que está xerando a renovación tecnolóxica.

É queremos respaldar tamén accións como a suba do salario mínimo interprofesional, pola súa importancia á hora de rachar a fenda salarial. Porque os empregos máis precarizados están ocupados de xeito preferente por mulleres. Do mesmo xeito, a suba das pensións non contributivas axuda de xeito preferente a colectivos como o das viúvas, e repara a inxustiza de que mulleres dunha xeración que optou por quedar na casa ou non tivo a ocasión de incorporarse ó mercado laboral, teñan retribucións máis baixas.

Ó mesmo tempo, temos que seguir loitando contra as novas formas de acoso e violencia que se exercen contra das mulleres a través das redes sociais. Segundo un estudo elaborado polas Nacións Unidas, o 38% das mulleres teñen sufrido violencia online. Unha cifra inadmisible ante a que a sociedade non pode permanecer pasiva. As redes son mundos virtuais dende os que se exerce unha violencia moi real. Por iso queremos respaldar o traballo que están a desenvolver as diferentes forzas políticas para anovar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, unha ferramenta fundamental para a erradicación da violencia que se exerce contra das mulleres, tamén no eido dixital.

Dende o ámbito municipal, as administracións locais teñen que seguir avanzando no seu compromiso na defensa da igualdade, garantindo os plenos dereitos das mulleres e fomentando a súa participación activa na vida local. A Deputación Provincial de Lugo deulle unha visibilidade especial ó seu compromiso cos valores do feminismo e co emprego feminino ca posta en marcha do seu Primeiro Plan de Igualdade. É un punto de partida para seguir avanzando no futuro na eliminación da fenda salarial e dos teitos de cristal que frean ou condicionan aínda as carreiras profesionais de moitas mulleres.

Temos que seguir avanzando, como di a FEMP, nos mecanismos que convertan ás administracións locais en observatorios privilexiados nos que recoller, de primeira man, datos acerca das situacións de desigualdade que aínda perviven na nosa sociedade, ou dos intentos de retroceso que podan tentar aquelas forzas políticas que rexeitan os dereitos das mulleres. Dende ese coñecemento, poderemos desenvolver solucións máis eficaces, adaptadas ós retos actuais, e que nos fagan avanzar cada día na consecución desa sociedade plenamente igualitaria entre homes e mulleres, que é a única que se pode considerar como plenamente democrática.

Por iso asinamos esta declaración, deixando de novo constancia expresa do compromiso da Deputación de Lugo cos avances históricos acadados polo movemento feminista e cos dereitos das mulleres, e o noso rexeitamento daquelas opcións políticas que asentan os seus sinais de identidade na mingua deses dereitos ou no retroceso da protección e independencia das mulleres.