Deputación de Lugo
Economía

Fernández Rico subliña na xornada de Africor que a Deputación duplicou o orzamento en apoio do sector primario dende o ano 2019

africor
roberto fernandez rico
Facultade de Veterinaria
O Deputado de Recursos Sostibles participou na inauguración do encontro, que reúne hoxe a centos de profesionais e estudantes na Facultade de Veterinaria e co que colabora a institución

Dentro dos proxectos da Deputación en apoio da actividade agrogandeira, o que concentra un "maior esforzo" é a Granxa Gayoso Castro, “unhas instalacións que, dende o ano 2007, puxemos ó servizo público, dos gandeiros e gandeiras, e que hoxe son un dos grandes referentes do sector primario na provincia de Lugo e de toda Galicia”

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este martes no acto de inauguración das Xornadas Técnicas de Africor Lugo-Vaca Pinta, coas que colabora a Deputación de Lugo. Unha das citas anuais claves para o sector na provincia que reúne a centos de profesionais e estudantes na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela. 

Fernández Rico destacou a calidade dos relatores e relatoras que reúne este encontro no día de hoxe con asuntos de relevante actualidade propostos a análise e o debate. “No programa deste ano atopamos cuestións como as perspectivas do mercado do leite e as demandas da industria no futuro, distintas intervencións relacionadas coa aplicación das novas tecnoloxías nas explotacións, ou o debate, absolutamente fundamental, sobre as liñas mestras da Política Agraria Común para o período 2023-2027”. 

O Deputado de Recursos Sostibles recoñeceu o traballo de Africor Lugo e Vaca Pinta por sacar adiante este foro, que conta coa achega de 3.000 euros da Deputación de Lugo. “Móstranos un sector primario vivo, con iniciativa, con gran capacidade de traballo e de adaptación para unir o mellor das nosas tradicións cos avances da investigación”. Un sector, engadiu, “esencial para a economía e o emprego da provincia de Lugo, e tamén para o conxunto de Galicia”. 

“Reivindicamos, ó mesmo tempo, que a actividade agrogandeira ten unha compoñente social imprescindible para avanzar cara o equilibrio e a ordenación territorial, para frear o despoboamento galopante que estamos sufrindo no noso rural dende hai décadas e, en consecuencia, para manter e para coidar algo tan importante como é a nosa identidade como pobo”. 

Neste sentido, subliñou Fernández Rico, o apoio ao sector primario é unha das liñas de traballo prioritarias da Deputación de Lugo. De feito, duplicou os fondos destinados a esta finalidade nos últimos catro anos, dende o 2019.

Dentro dos proxectos da institución, o que concentra un "maior esforzo" é a Granxa Gayoso Castro, “unhas instalacións que, dende o ano 2007, a Deputación puxo ó servizo público, dos gandeiros e gandeiras, e que hoxe, sen dúbida, é un dos grandes referentes do sector primario na provincia de Lugo e de toda Galicia”.

Neste complexo, a institución desenvolve un importante labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega, e conta cun centro de recría de gando vacún de leite, o primeiro de iniciativa pública que foi creado en España. Este centro está a día de hoxe ao 98% da súa capacidade, con 2.500 xatas procedentes de ganderías de toda a provincia para a recría, “o que supón un aforro para os gandeiros no seu conxunto de medio millón de euros ó ano”, explicou Fernández Rico. 

Ademais, a institución provincial reforzou este compromiso co sector hai pouco máis de dous anos coa apertura da Granxa Experimental de Leite, “un centro pioneiro en Galicia porque é o primeiro de titularidade pública que aúna formación e investigación universitarias en torno ó sector lácteo”. Unha granxa, na que en colaboración coa Universidade de Santiago, “están a facer prácticas cada ano uns 500 alumnos e alumnas deste Campus –tanto de Veterinaria, como da Escola Politécnica- e que está ó servizo dos gandeiros, para analizar a súa situación, detectar oportunidades de mellora e atopar solucións aplicables no día a día das explotacións”, subliñou o Deputado.

"Por convencemento e responsabilidade"
“Todo isto facémolo por convencemento, polo pleno compromiso que temos co sector gandeiro e co rural, e por responsabilidade”, porque é importante recordar, recalcou Fernández Rico, que a institución provincial saca adiante estes proxectos con recursos propios, e pese a non ter competencias neste eido. “Estamos cubrindo necesidades dun sector que non están cubrindo outras Administracións como a autonómica”. De feito, “a Deputación de Lugo é a única de Galicia e das poucas de todo o Estado que promove proxectos como os que albergamos na Granxa Gayoso Castro”, manifestou.