Deputación de Lugo

O ciclo de concertos Con Voz de Muller 8M, da Deputación, percorre a provincia esta fin de semana

Día Internacional da Muller
MULLER E IGUALDADE
A institución provincial organiza catro actuacións gratuítas a cargo da Banda da Loba, en Vilalba; Caamaño&Ameixeiras, en Taboada; Catuxa Salom, na Fonsagrada, e Margarida Mariño, en Viveiro, entre o venres 3 e o domingo 5

A Deputada de Muller e Igualdade destacou a importancia de reeditar esta programación para “visibilizar e favorecer o empoderamento das mulleres a través de voces femininas en galego”, e animou á veciñanza a acudir ós concertos, nos que, ademais de gozar de boa música, os asistentes recibirán agasallos

A Deputación de Lugo celebra esta fin de semana, do 3 ao 5 de marzo, a segunda edición do ciclo de concertos de acceso libre e grauíto Con Voz de Muller 8-M en Vilalba, Taboada, Viveiro e A Fonsagrada. Esta iniciativa permite achegar á veciñanza da provincia música con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. 

Nesta segunda edición soará a música da Banda da Loba, un grupo de cinco mulleres que unen pop, blues, folk, rock e sons tradicionais que converxen nun estilo singular; Caamaño&Ameixeiras, que conectan o violín e o acordeón para facer música folk en galego; Catuxa Salom, que dende unha pequena aldea xera un estilo electrónico que fusiona o folklore galego con ritmos tribais mesturado con coros de armonías; e Margarida Mariño, quen renova os sons do violonchelo clásico con pedais de efectos, voces, loops e electrónica.

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, subliñou que se trata dunha iniciativa que permite “dar visibilidade e favorecer o empoderamento das mulleres a través de voces femininas en galego e a súa música”. María Loureiro animou á veciñanza a acudir aos catro concertos de balde, nos que, ademais de gozar de boa música, os asistentes recibirán agasallos.

Concellos, días e horas

Vilalba - Concerto da Banda da Loba
Data: Venres, 3 de marzo ás 20.30 horas
Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Taboada - Concerto de Caamaño&Ameixeiras
Data: Sábado, 4 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Praza Riazón

A Fonsagrada - Concerto de Catuxa Salom
Data: Domingo, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Viveiro- Concerto de Margarida Mariño
Data: Domingo, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Teatro Pastor Díaz