Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba obras por 600.000€ en estradas provinciais ao seu paso por Guntín, Sarria e Paradela

Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno deulle o visto bo á licitación de dous proxectos importantes para renovar o firme na LU-P-2901 ao seu paso por Guntín cun investimento de 315.000€ e na LU-P-5709, que une Santa María con Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, cun orzamento de 270.000€

Aprobada cun importe de 110.000€ unha nova convocatoria das axudas dirixidas a entidades asociativas das Reservas da Biosfera Terras do Miño e dos Ancares Lucenses para proxectos e accións en impulso destes territorios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación por preto de 600.000€ dos contratos de obras para a acometer a mellora de dúas estradas provinciais, a LU-P-2901, de Lugo a Guntín, e a LU-P-5709, que une Sarria e Paradela. Así o informou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. 

Con respecto á estrada LU-P-2901, as obras realizaranse ao seu paso polo termo municipal de Guntín. “Aprobamos unha actuación moi importante, neste caso para continuar mellorando a estrada provincial LU-P-2901, que une os concellos de Lugo, Guntín e Palas de Rei, cun investimento que supera os 315.000€ para actuacións que afectan ó tramo que vai do quilómetro 13,1 ó 18,2, á altura de Guntín”, detallou, indicando que o prazo de execución dos traballos é de 2 meses unha vez comecen os traballos. 

García Porto explicou que, con este novo investimento, esta estrada quedará renovada practicamente na súa totalidade porque a obra licitada agora dará continuidade ós traballos que a Deputación realizou nos últimos anos. En total, a institución destinou máis de un millón de euros a esta vía, moi utilizada polos veciños e veciñas tanto das parroquias do rural de Lugo, como de Guntín e de Palas de Rei.

A maiores, nesta Xunta de Goberno tamén se aprobou a licitación das obras de rehabilitación da estrada LU-P-5709, ao seu paso polos concellos de Sarria e Paradela cun investimento de 270.000€. “Esta é a  estrada que comunica Santa María con Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, que melloraremos nun treito de 5 quilómetros, dende o punto quilométrico 5,9 ó 10,7, e o prazo de execución é de 2 meses, unha vez que comecen os traballos”, avanzou a Deputada. 

110.000€ para axudas ás Reservas

Na Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou unha nova convocatoria da liña de axudas que ofrece a Deputación de Lugo ás entidades asociativas sen ánimo de lucro que están asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para desenvolver proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

Este é o terceiro ano no que a Deputación convoca esta liña de axudas, que lanzou por primeira vez no ano 2020, e que, como principal novidade, presenta un incremento do seu importe, ata alcanzar un total de 110.000€, o que representa un 32% máis que nos anos anteriores. 

Inclúe dúas liñas de actuación: unha dotada con 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outra, por un importe de 50.000€, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.

“A experiencia destes dous anos anteriores foi moi positiva. Medio cento de asociacións das Reservas Terras do Miño e dos Ancares Lucenses recibiron xa estas axudas, grazas ás que puideron sacar adiante proxectos moi interesantes, que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social e cultural. Esta boa experiencia levounos a reeditar esta liña de axudas, que este ano chega antes que en anos anteriores, e que incrementamos no seu importe”, explicou García Porto.

Nesta ocasión, a contía máxima da subvención que se outorga será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto. O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Melloras en Rábade

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude presentada polo Concello de Rábade para investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2022 en novas actuacións. En concreto, algo máis de 15.500€ para pavimentar o tramo da rúa Miguel de Cervantes e os calexóns da Rúa Lope de Vega. 

Contratos
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno aprobouse a adxudicación do contrato de subministración de gas propano e mantemento dos depósitos dos Centros de Atención a Maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Ribas de Sil. Adxudícase á empresa Repsol Butano S.A. por 195.000€ e por un ano.