Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación renderá homenaxe este luns á enfermeira Elvira López Mourín con motivo do 8M

MULLER E IGUALDADE
8M
O Pazo de San Marcos acollerá a presentación dun libro e a exposición Elvira López Mourín, unha viaxe de altura, que impulsa a institución provincial dentro da súa programación con motivo do Día Internacional da Muller

No acto tamén se proxectará un vídeo que visibiliza a heroicidade desta lancaresa, primeira muller en participar nun voo militar en España

Estas actividades súmanse ao ciclo de concertos de acceso libre e gratuíto Con voz de muller, que continúan este sábado con Caamaño&Ameixeiras en Taboada. Mañá Catuxa Salom estará na Fonsagrada, e Margarida Mariño, en Viveiro

A Deputación de Lugo renderá homenaxe este luns, 6 de marzo, á primeira enfermeira en participar nun voo militar en España e natural de Láncara, Elvira López Mourín, dentro das actividades que está a desenvolver a institución provincial para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

O acto arrancará ás 20:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos coa presentación do libro Elvira López Mourín, unha viaxe de altura, unha monografía sobre esta heroína de guerra, editada pola Academia de Enfermería de Galicia e o Colexio de Enfermería de Lugo coa colaboración da Deputación, que achegou 9.000€ para a súa publicación. Durante o acto, tamén se proxectará o vídeo realizado polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial, no que se fai un percorrido a través de testemuñas e documentos históricos froito de anos de investigación realizada polo sector da enfermería sobre a historia desta sanitaria lucense.

Acto seguido á presentación da publicación, terá lugar a inauguración da exposición itinerante Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura, que chega aos corredores do Pazo de San Marcos tras percorrer varios concellos da provincia, e outras cidades de Galicia e España. A mostra permanecerá exposta ata o vindeiro sábado, día 11 de marzo.

Estas actividades súmanse ao ciclo de concertos de acceso libre e gratuíto Con voz de muller, que continúan este sábado con Caamaño&Ameixeiras na praza Riazón de Taboada, ás 19.00 horas. O domingo será a quenda, tamén ás 19.00 horas, de Catuxa Salom, no Salón de Actos dos Chaos da Fonsagrada, e de Margarida Mariño, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.