O Presidente felicita a Adrián Ben, campión de Europa de 800 metros en pista cuberta
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2023-03/Foto%20arquivo%20Presidente%20e%20Adri%C3%A1n%20Ben.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou, no seu nome e no da Corporación provincial, ao atleta viveirense Adrián Ben tras proclamarse este domingo campión de Europa de 800 metros en pista cuberta. O mandatario provincial quixo transmitir os seus parabéns ao deportista lucense polo título, o maior dos seus éxitos deportivos acadados ata o momento.
Ben superou por 3 milésimas ao francés Benjamin Robert, nunha emocionante final na que demostrou a súa calidade e intelixencia como corredor. O viveirense chegou aos últimos metros na segunda posición, ideal para lanzar un ataque sobre a mesma liña de meta.
Tomé Roca valorou o triunfo do deportista da Mariña nunha final “que vivimos con moitísima emoción” e lle transmitiu os seus parabéns “porque cumpriu o seu soño de gañar un gran campionato e porque con só 24 anos xa é un dos maiores especialistas dos 800 metros”.
“Adrián Ben leva anos demostrando que é quen de superarse a si mesmo e de traballar con constancia a pesar das dificultades. Un orgullo e un exemplo para todos e todas os lucenses”, resaltou o Presidente.
*Foto de arquivo