Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Medio Rural renova a colaboración coa cooperativa chairega Almoga SCG, para dar continuidade á recuperación do chícharo da cova

medio rural
Mónica Freire
ALMOGA
CHÍCHARO DA COVA

Medio Rural da Deputación de Lugo renova a súa colaboración coa cooperativa chairega Almoga SCG. Por segundo ano, a área dirixida por Mónica Freire prestará apoio económico á cooperativa no seu obxectivo de ampliar o número de gandeirías socias e avanzar na recuperación do cultivo do chícharo da cova, unha leguminosa tradicionalmente empregada para a alimentación humana que beneficia o solo e que se adapta tamén ao consumo animal, en fariña ou como forraxe.

 A achega, cun importe de 5.000 euros, contribuirá a financiar as labores de asesoramento e xestión que desenvolve a cooperativa, dirixida, entre outros aspectos, a fomentar a rotación de cultivo con leguminosas.  A técnica da cooperativa Susana Trastoy Polo explica que “o novo programa da PAC 2023-2027 incentiva o cultivo de leguminosas” polo que se abren novas vías para ampliar as plantacións do chícharo da Cova.

Mónica Freire subliñou que “desde a área de Medio Rural tratamos de impulsar e acompañar todas as iniciativas que apostan por aproveitar as potencialidades produtivas do rural, como é o caso de Almoga SCG, que coa súa labor de recuperación e fomento do chícharo da cova nos recorda tamén as oportunidades que o rural ofrece para avanzar cara a soberanía alimentaria”

Almoga SCG agrupa 42 ganderías de vacún dos concellos de Vilalba, Xermade, Muras, Guitiriz, As Pontes e A Capela, maioritariamente gandeirías de carne e cría en semiextensivo ou extensivo.