Deputación de Lugo
Turismo

García Porto destaca a capacidade do rural para impulsar iniciativas de desenvolvemento na presentación da MOEXMU

moexmu
A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa celebración da Mostra Exposición de Muimenta cunha achega de 8.000€ e a cesión de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para premiar aos gandeiros e gandeiras

A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a 39ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), xunto aos membros da organización Daniel Pollán, Orlando Iglesias e Jesús Alvariño, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa. A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que, un ano máis, conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

García Porto sinalou que se trata dun evento “plenamente consolidado, un referente no seu ámbito que reflexa moi ben a capacidade que temos no noso rural para impulsar iniciativas que favorecen a actividade económica e social e que contribúen ó desenvolvemento da provincia”. Ademais dunha achega económica por importe de 8.000€, a institución provincial cede dúas xatas da Granxa Gayoso Castro como galardón para os gandeiros e gandeiras.

“Con citas como esta apoiamos ó rural e ó sector primario, unha das liñas de actuación prioritarias na nosa acción de Goberno. A MOEXMU favorece precisamente iso, visibilizar e impulsar a actividade do noso rural, e a actividade agrogandeira como un motor económico e social da nosa provincia”, apuntou a Deputada. Ademais, a súa celebración, cita xa obrigada para a veciñanza da provincia, beneficia a actividade do comercio, a hostalería e o turismo de pequenos desprazamentos polo que tamén aposta a institución provincial. 

O recinto feiral Manuel Vila, de Cospeito, acollerá a MOEXMU o 31 de marzo, e o 1 e 2 de abril, onde terá lugar a 37ª edición do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega, así como a 27ª Poxa de Gando Selecto. Tamén se poderá visitar unha exposición fotográfica sobre o porco celta cedida por ASOPORCEL.