Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación patrocina a Copa 3 Horas Resistencia, a primeira  desta modalidade na provincia organizada por Quercus-Aper

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
Ciclismo
COPA 3 HORAS RESISTENCIA
QUERCUS APER

Monte Segade será o escenario da proba, que demostra a potencialidade da contorna da cidade de Lugo para o deporte na natureza

Lugo acollerá este domingo 2 de abril a I Copa 3 Horas Resistencia, organizada polo Club Ciclista Quercus-Aper coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase da primeira proba que se celebra na provincia desta modalidade, cuxo obxectivo é percorrer a maior distancia posible no tempo marcado.

O escenario da proba, que comezará ás 10.00 horas na explanada do Pazo de Feiras e Congresos,  será un circuíto de seis quilómetros de distancia e 200 metros acumulado de desnivel polo Monte Segade.

Na presentación, na que participaron membros do club e patrocinadores privados, o deputado Efrén Castro enmarcou “o apoio a esta proba nas iniciativas que desde a área de Deportes vimos desenvolvendo para fomentar o deportes e o ciclismo en particular, en todas as modalidades, xa que consideramos que é o mellor escaparate para o noso patrimonio cultural e natural, como ocorre con esta proba, que amosa a potencialidade  da contorna da cidade de Lugo para o deporte en contacto coa natureza”.

Alberto Sánchez, de Quercus-Aper, agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes de Orbazai na creación desta  proba, poñendo a disposición do club os terreos para habilitar o circuíto, con características moi singulares xa que, a diferenza doutros, o percorrido é sempre por sendeiros no monte e con zonas técnicas de subida e baixada. Tamén remarcou a colaboración doutros clubs e patrocinadores privados, así como das institucións.

Na proba participarán ciclistas de todas as categorías: Sub23 Fem., Sub23, Master 60 Fem., Master 60, Master 50 Fem., Master 50, Master 40 Fem., Master 40, Master 30 Fem., Master 30, Junior Fem., Junior, Élite Fem., Élite, Cadete Fem., Cadete e Élite UCI.