Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa obras en tres estradas de Sober, ás que a Deputación destinou medio millón de euros

Sober
Rede provincial de estradas
José Tomé Roca visitou os traballos que se están acometendo na LU-P-5903, de Sober a Doade, e o resultado dos xa executados na LU-P-5902, de Anllo a Canabal, ademais de achegarse á LU-P-5901, de Canabal a Sober, onde a institución acometerá melloras

A Deputación leva destinado á dotación e acondicionamento de servizos e infraestruturas no concello de Sober máis de 2,6M€ dende o ano 2019

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves obras en tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Sober, ás que a institución provincial destinou dende o inicio do mandato medio millón de euros. Trátase da LU-P-5903, de Sober a Doade, a LU-P-5902, de Anllo a Canabal, e a LU-P-5901, de Canabal a Sober.

O mandatario provincial destacou que esta serie de actuacións melloran as comunicacións entre a veciñanza dos distintos núcleos de Sober. Así mesmo, enmarcou os proxectos na aposta da Deputación pola mobilidade como unha das liñas prioritarias de actuación, porque se trata “dun factor esencial para o desenvolvemento social e económico dun territorio de maneira equilibrada”.

Destacou que ao longo deste mandato como Presidente, a Deputación “subiu as partidas orzamentarias para a conservación e mellora da rede de estradas provinciais en cerca dun 30%, pasando dos 14,2M€ que había no ano 2019, ós 18M€ que dedicamos no Presuposto deste 2023”.

O Presidente supervisou os traballos que se están acometendo na estrada provincial LU-P-5903, de Sober a Doade, onde se aglomera o firme no treito comprendido entre os puntos quilométricos 12,845 e 15,350. O proxecto, cun orzamento de preto de 120.000€, contempla a ampliación do ancho da vía e a realización do seu drenaxe e afirmado. A Deputación leva destinado neste mandato un total de 355.000€ a esta estrada, pois a estas obras hai que sumar as melloras xa realizadas entre o quilómetro 13 e o 13,740 por un importe de 100.000€ e as que está previsto acometer cun proxecto adxudicado en 133.000€ para actuar á altura de Vilachá.

No caso da estrada de Anllo a Canabal, a LU-P-5902, executáronse melloras entre os puntos quilométricos 4,4 e o 6,7 cun investimento de 45.000€. Os traballos, que comprobou hoxe o mandatario provincial, consistiron na rehabilitación do firme, comezando pola limpeza de cunetas e continuando coa drenaxe e a pavimentación. Estas obras dan continuidade aos traballos acometidos nun tramo anterior, entre os quilómetros 3,5 e 4,4 cunha achega de 61.000€, co que a Deputación supera os 100.000€ de investimento.

Por último, José Tomé visitou a LU-P-5901, entre os núcleos de Canabal e Sober, estrada na que a Deputación inviste preto de 50.000€ para a mellora dos primeiros 2,5 quilómetros. Neste caso, os traballos están pendentes de inicio xa que se trata dun treito empregado por vehículos pesados que están realizando as obras para a modernización da vía ferroviaria.

A Deputación con Sober
A Deputación de Lugo investiu dende 2019 máis de 2,6M€ para a mellora de infraestruturas e servizos no concello de Sober. A institución provincial destinou 1M€ deste orzamento á mellora da rede viaria provincial ao seu paso polo municipio. Ademais das estradas xa mencionadas, actuouse na LU-P-3201, de Monforte a Sober;  e na LU-P-5906, de Sober a Cotarro de Castro por Arxemil. Tamén se colaborou con colectivos culturais e deportivos locais.