Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente e a Alcaldesa supervisan as obras na estrada do Rato, nas que a Deputación inviste 150.000€

Río Rato
Os traballos, con dous meses de prazo de execución, consisten na reposición con aglomerado en quente dos tramos danados dende o inicio da vía ata o quilómetro 3,079

José Tomé subliñou que mellorar a mobilidade é prioritario para a Deputación, destacando que neste caso “temos que facer un sobresforzo porque a estrada do Rato soporta unha elevada densidade de tráfico, moito maior da que lle correspondería polas súas características, xa que a Xunta de Galicia segue sen executar a Ronda Leste”

Lara Méndez destacou a importancia destas obras “no marco da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional que mantemos entre as dúas administracións”, e lembrou que nos vindeiros días “asinaremos un convenio coa Confederación Hidrográfica para a rexeneración integral deste espazo natural”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou os traballos que a institución provincial acomete na estrada do Rato cun investimento de 150.000€ para mellorar o seu firme dende o inicio da vía ata o quilómetro 3,079, actuacións que mellorarán a seguridade e a comodidade dos miles de condutores que circulan por esta vía a diario.

Os traballos, que comezaron este xoves, contemplan o fresado do pavimento danado e a súa reposición con aglomerado en quente; o recrecido das zonas que presenten afundimentos tamén con aglomerado; a pavimentación da plataforma afirmada nun ancho de 8 metros mediante microaglomerado en frío para mellorar a adherencia e aumentar a durabilidade do firme; o repintado das marcas viarias; e a colocación de separadores viais no eixo para calmar a velocidade do tráfico.

O Presidente subliñou que a mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación, destacando que neste caso “temos que facer un sobreesforzo na conservación e mellora da estrada do Rato porque soporta unha elevada densidade de tráfico, duns 4.000 vehículos ao día, moito maior da que lle correspondería polas súas características, xa que a Xunta de Galicia segue sen executar a Ronda Leste, e a maioría dos condutores, sobre todo os de Lugo, pero tamén do resto da provincia, utilizan esta vía para ir ao hospital”.

Os traballos contan cun prazo de execución de dous meses. Durante as obras será necesario cortar un carril e empregarase o outro con tráfico alternativo regulado por semáforos.

A Deputación puxo en valor a contorna do Rato coa creación do carril bici cun investimento de medio millón de euros e tamén poñendo ó servizo da cidadanía os hortos urbanos, dos que hoxe desfrutan máis de cen veciños e colectivos de Lugo. 

Colaboración institucional

A Alcaldesa de Lugo subliñou a importancia destas obras “no marco da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional que mantemos entre as dúas administracións”. Lara Méndez lembrou que “a pasada semana anunciabamos que nos vindeiros días asinaremos un convenio coa Confederación Hidrográfica para a rexeneración integral deste espazo natural, ou o proxecto de ampliación do cinto verde de Lugo ata a Tolda, co obxectivo de recuperar bosques aluviais e carballeiras e enlazar tres novos quilómetros de senda ciclista”.