Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Retomadas as obras do centro de transformación eléctrica da residencia de Becerreá

centro de maiores
Becerreá
A empresa adxudicataria dos traballos, nos que a Deputación inviste 95.000€, suspendéraos pola falta dos materiais necesarios debido ao contexto económico derivado da invasión de Ucraína

Esta instalación non estaba contemplada no proxecto inicial, o que obrigou á institución provincial a consignar novos recursos económicos, e a tramitar a contratación das obras para dotar ao centro deste equipamento, que é imprescindible para que funcione porque servirá para garantir o correcto subministro eléctrico

A Deputación de Lugo anunciou este venres que a empresa adxudicataria da instalación dun centro de transformación eléctrica e dun centro de seccionamento no Centro de Atención a Maiores de Becerreá vén de retomar as obras, que suspendera pola falta dos materiais necesarios debido ao contexto económico derivado da invasión de Ucraína. 

A institución provincial destina un investimento importante, de 95.000€, a este equipamento, que non estaba contemplado no proxecto inicial da residencia, o que obrigou á Deputación a consignar novos recursos económicos, así como a elaborar e a tramitar un procedemento administrativo específico, para poder dotar ao centro desta instalación, que resulta imprescindible para o seu funcionamento porque servirá para garantir o correcto subministro eléctrico.

Ao volver activarse os traballos, Deputación avanza nos pasos que son necesarios para dotar das instalacións necesarias á residencia, que tamén hai equipar. Así mesmo, a apertura da residencia está condicionada á obtención de todas as autorizacións e permisos necesarios, que dependen da Xunta de Galicia. 

Cumprindo os compromisos
A Deputación abriu neste mandato, con José Tomé como Presidente da institución, cinco residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna- e espera poder abrir proximamente a de Ribas de Sil, que se suman ás tres que xa estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-.

A maiores, a Deputación segue traballando para sacar adiante outros 9 proxectos, que son este de Becerreá e os da Pontenova, Guitiriz, Portomarín, A Pobra do Brollón, Pantón, Ourol, Folgoso do Courel e Cervantes.

Estes avances en materia social, cos que o Presidente cumpre co compromiso cos concellos en materia de residencias, poñen de manifesto o enorme esforzo, tanto de xestión, como económico, que a Deputación de Lugo está facendo para construír, equipar, abrir e manter en funcionamento centros de atención ás persoas maiores no rural da provincia de Lugo. Un esforzo que se ve acentuado pola falta de colaboración por parte da Xunta de Galicia, que, en cambio, é a Administración que, por Lei, ten as competencias en servizos sociais.