Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía

A Deputación organiza este xoves unha xornada para expoñer e debater propostas do sector público e privado fronte ao reto demográfico

reto demográfico
Pazo de San Marcos
Imaxe deputación de lugo
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, inaugurará o encontro, que reunirá no Salón de Actos a concellos, universidades, organizacións sociais e empresas para abordar accións que contribúen a fixar poboación no rural

De acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, a cita contará con tres mesas: a presentación do proxecto E para Vivir Lugo; do proxecto Aldealista; e a iniciativa Territorio Rural Intelixente co xornalista Manuel Campo Vidal e con empresas de referencia como Leite Río, Cafés Candelas, Estrella Galicia e Gadisa

A Deputación de Lugo organiza este vindeiro xoves, 20 de abril, unha xornada para expoñer accións e debater propostas de administracións públicas e sector privado fronte ao reto demográfico. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, inaugurará o encontro, que reunirá no Salón de Actos entre as 10.00 e as 14.30 horas a concellos, universidades, organizacións sociais e empresas para abordar accións que contribúen a fixar poboación no rural.

De acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, a cita contará con tres mesas: a presentación do proxecto E para Vivir Lugo da Deputación; do proxecto Aldealista, do que forma parte a institución; e da iniciativa Territorio Rural Intelixente co xornalista Manuel Campo Vidal e con empresas de referencia como Leite Río, Cafés Candelas, Estrella Galicia e Gadisa.

Durante a primeira parte da xornada, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, moderará a sesión de presentación do proxecto E para Vivir Lugo, que involucra aos concellos da provincia, á Universidade e a organizacións sociais en busca de solucións innovadoras que aproveiten os recursos endóxenos das zonas rurais para convertelos en oportunidades. Participarán tamén o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, e o de Xermade, Roberto García Pernas, o Presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira Mayor, a Directora de Uned Lugo, Ana Belén Traseira, e o Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Fraga López.

A continuación, o Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, o responsable de Aldealista, Juan Carlos Pérez, e o xerente da empresa CEO INSITU, Ramón Martínez, darán a coñecer esta iniciativa coa que está a colaborar a institución provincial.

A cita rematará cara ao mediodía cunha mesa redonda baixo o título Territorio Rural Intelixente, que estará moderada polo xornalista Manuel Campo Vidal, e na que representantes de empresas líderes e referentes como Leite Río, Cafés Candelas, Estrella Galicia e Gadisa, e o sindicato Unións Agrarias, debaterán entre outros asuntos sobre as oportunidades e desafíos da implantación das novas tecnoloxías no ámbito rural, e o papel que xogan estas na transformación dixital cara o Smart Rural para facer fronte á sangría demográfica.

Ao final, os asistentes á xornada poderán desfrutar dunha degustación de produtos autóctonos da provincia de Lugo.