Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia achega 15.000 euros ao financiamento do Conservatorio de Vilalba, no que recibiron formación uns 60 alumnas e alumnos da comarca

Conservatorio de Vilalba
Vilalba
IRIA CASTRO

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no funcionamento do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, a través dun convenio de colaboración co Concello de Vilalba.

A deputada de Cultura Iria Castro e a alcaldesa de Vilalba Marta Rouco asinaron o acordo, que canaliza unha achega de 15.000 euros destinados a sufragar gastos derivados do funcionamento do conservatorio no que se imparten quince especialidades instrumentais: clarinete, contrabaixo, frauta traveseira, gaita, percusión, piano, violonchelo, saxofón, trombón, trompeta, tuba, viola e violín.

Tras a sinatura do convenio, a deputada de Cultura achegouse a coñecer as instalacións do centro, no edificio multiusos do Auditorio Municipal, nas que, ao longo do curso, recibiron formación máis de 60 alumnas e alumnos, de Vilalba e doutros concellos da contorna.

Iria Castro explicou que “a través desta achega colaboramos co Concello de Vilalba no mantemento do conservatorio que, ademais de facilitar a formación musical a nivel individual,  ven contribuíndo desde a súa creación a cultivar a sensibilidade cara a cultura musical en toda a comarca”

A deputada de Cultura valorou “o esforzo e a dedicación que require completar a formación musical” e incidiu “na necesidade de que os mozos e mozas que apostan pola música como saída profesional teñan a posibilidade de facelo en Galiza”.

Ademais das especialidades instrumentais, o conservatorio realiza diferentes actividades entre as que se encadran concertos de alumnado, concertos didácticos, aulas de linguaxe musical, educación auditiva, coros, audicións comentadas, aulas de piano complementario, orquestra, armonía, historia da música, música tradicional galega, música de cámara e análise.