A Deputación capta preto de 4M€ de Fondos Europeos para avanzar na dixitalización da Administración local da provincia
“Trátase dunha noticia moi importante”, sinalou o Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que explicou que a Deputación é a entidade local de todo o territorio nacional que recibe unha maior cantidade
Rivera Capón sinalou tamén que a Unión Europea vén de certificar o cumprimento do 100% do programa Life in Common Land de aproveitamento sostible na Serra do Xistral, coa comunicación do último pago para completar a totalidade das axudas por 1,5M€
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de preto de 4M€ de Fondos Europeos para avanzar na dixitalización da Administración local da provincia. Así o informou o Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa decisión de conceder á institución provincial 2,14M€ adicionais, aos 1,58M€ asignados inicialmente, para realizar proxectos orientados a mellorar as infraestruturas dixitais e o equipamento electrónico.
“Trátase dunha noticia moi importante”, valorou o Deputado, que sinalou que “segundo os datos da resolución, a Deputación de Lugo é a entidade local de todo o territorio nacional que recibe unha maior cantidade de axuda derivada dos remanentes dos fondos de Transformación Dixital e Modernización das Administracións Locais”. Uns fondos que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado e dos que a institución provincial recibe preto do 20%.
Explicou Rivera Capón que estes fondos permitirán levar a cabo actuacións tan relevantes como integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permitan mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos.
Rivera Capón sinalou tamén que estes proxectos “estarán baseados na adhesión e estudo das necesidades particulares de cada municipio”.
Revisión excepcional de prezos en tres obras
A Xunta de Goberno aprobou tamén a revisión excepcional de prezos en tres obras da Deputación provincial. “Un aumento que vén derivado dun contexto de inflación que, como sabedes, é consecuencia da guerra de Ucraína”, explicou o Deputado.
En concreto, detallou Rivera Capón, aumentarase en preto de 23.000€ a cantidade adxudicada á obra na estrada LU-P-3202, de Monforte a Currelos; en máis de 14.000€ o importe das obras acometidas en tres estradas do Páramo: a LU-P-4203, a LU-P-4305 e a LU-P2904; e en máis de 160.000€ nas obras de desdobramento da avenida Infanta Elena, no tramo que vai da glorieta Ronda Norte coa do 25N.
A UE certifica o cumprimento ao 100% do Life in Common Land
Á marxe dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, Pablo Rivera deu conta da comunicación da Unión Europea, “que vén de certificar que cumprimos o 100% do programa Life in Common Land. Un programa que impulsamos desde a Deputación de Lugo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, co obxectivo de protexer un conxunto de hábitats único na Europa continental e favorecer o aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral”.
Neste sentido, Europa comunicou o último ingreso para completar a totalidade das axudas destinadas a este plan, pioneiro na realización de pagos compensatorios por conservación do territorio. Un último pago de 424.000€ que se suman aos preto de 1,1M€ xa recibidos para acadar os 1,5M€ das axudas deste programa.
“Unha certificación que demostra que as administracións locais somos perfectamente capaces de xestionar Fondos Europeos e levalos ao territorio”, sinalou Rivera Capón, que puxo en valor a institución provincial como “un aliado perfecto para xestionar Fondos Europeos, a diferencia doutras administracións como a Xunta de Galicia, que ten que devolver máis do 51% dos Fondos Europeos que percibe”.