Deputación de Lugo

O Presidente e a Alcaldesa inauguran o novo auditorio Fuxan os Ventos que se estrea coa actuación de Ainhoa Arteta

JOSE TOMÉ
Lugo
Inauguración auditorio Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres xunto á Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, na inauguración do novo auditorio municipal Fuxan os Ventos, que contou coa colaboración da institución provincial. A este acto, no que se realizou o descubrimento dunha placa e se celebrou un concerto inaugural a cargo da soprano Ainhoa Arteta, tamén asistiron, entre outras autoridades, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López. 

 

O mandatario provincial destacou a “boa sintonía que mantemos co Concello de Lugo para sacar adiante proxectos e iniciativas que non só beneficien aos veciños e veciñas desta cidade, senón tamén a todo o conxunto da provincia”. En concreto, para a realización deste evento de inauguración recordou que a institución provincial colaborou coa contratación dos concertos principais a través dun acordo coa entidade local.

 

Tomé Roca subliñou tamén que “este novo espazo fortalecerá a identidade cultural da provincia con espectáculos de primeiro nivel que tamén impulsarán o turismo, a economía local e que ademais, xerarán novas oportunidades para os lucenses e o noso territorio”.