Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Comeza a instalación do novo parqué no Anexo, que contará cunha pista coa máxima certificación FIBA para o baloncesto base lucense

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
DEPORTES EFRÉN CASTRO
ANEXO
PACIÑO
baloncesto

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro visitou o Anexo, onde este luns comezaron  as tarefas de instalación do novo pavimento.

Os traballos comezaron coa instalación da madeira sobre a que se asentará o parqué, un material coa máxima certificación da FIBA que garantirá as mellores condicións para os 60 equipos de base que adestran e xogan nas instalacións.

Efrén Castro sinalou que “as tarefas se desenvolven segundo a folla de ruta que compartimos cos clubs que utilizan o Anexo, a quen agradeceu a colaboración para facilitar os traballos” e explicou que “a renovación do parqué suporá unha mellora completa e definitiva para unhas instalacións que viñan arrastrando deficiencias e que son fundamentais para o baloncesto base lucense, xa que o Anexo acolle os adestramentos e partidos da gran maioría dos equipos da cidade”.

A instalación do parqué completará as tarefas de renovación das instalacións desenvolvidas nos últimos meses, con actuacións dirixidas a  impermeabilizar o edificio e a mellorar a iluminación, completamente renovada tras a substitución das antigas luminarias por 48 proxectores LED que reducen o consumo eléctrico da instalación nun 60 por cento.

As obras de renovación da instalación, que comezaron o pasado mes de xullo, supoñen un investimento de 320.000 euros.