Deputación de Lugo

O Presidente destaca na CEL o valor da dixitalización para a competitividade empresarial da provincia

CEL
dixitalización
José Tomé Roca participou na presentación do programa de formación Xeración Dixital PEMES da Confederación de Empresarios de Lugo en colaboración co Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e co financiamento do Goberno de España

Valorou o mandatario provincial un proxecto que “vai na mesma liña de traballo que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo, dentro da nosa firme aposta por apoiar e colaborar co tecido produtivo”

A institución provincial inviste uns 5,5M€ en diferentes programas para favorecer a dixitalización de PEMES e concellos, e colabora coa CEL con 40.000€ para impulsar as empresas e autónomos da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na presentación do programa de formación Xeración Dixital PEMES da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), que conta co financiamento do Goberno de España. Na cita, que tivo lugar no salón de actos da CEL, Tomé Roca destacou o valor da dixitalización para a competitividade empresarial da provincia e subliñou, nese sentido, que a institución provincial inviste uns 5,5M€ en diferentes programas para mellorar nesta competencia, tanto dirixidos ao empresariado, como ás administracións locais.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o secretario xeral da CEL, Jaime López; e o presidente da escola de negocio de CESUGA, Venancio Salcines; participaron tamén neste acto no que o Presidente da Deputación valorou un proxecto de formación na dixitalización que “vai na mesma liña de traballo que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo dende xa hai tempo, dentro da nosa firme aposta por apoiar e por colaborar co tecido produtivo, que, de feito, é unha das liñas prioritarias de actuación do Goberno que presido”. 

Lembrou que o ano pasado a Deputación de Lugo desenvolveu o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, en colaboración coa Escola de Organización Industrial, que depende do Ministerio de Industria, “a través do que ofrecemos asesoramento gratuíto a unhas 500 pequenas e medianas empresas da provincia en materia de dixitalización”. Engadiu que, dende principios deste ano 2023, “estamos desenvolvendo, tamén co apoio do Goberno do Estado, o programa Acelera PEME, grazas ao que xa asesorou a máis de 1.200 empresas e autónomos para mellorar o seu negocio con ferramentas dixitais” e, paralelamente, a institución provincial fomenta a dixitalización dos concellos da provincia con fondos europeos transferidos polo Ministerio de Política Territorial.

Esta forma, destacou, “é unha satisfacción ver como xorden novas iniciativas que reforzan e amplían todo este traballo, co respaldo do Goberno do Estado, e da man do propio tecido produtivo, representado pola Confederación de Empresarios de Lugo, e de CESUGA”. Iniciativas que, segundo apuntou, “contribúen de maneira moi importante a fortalecer e a diversificar o tecido empresarial da provincia, a gañar competitividade e  produtividade, e a abrir novos mercados. Polo tanto, a xerar máis riqueza e emprego”.

“Competir nos mercados globais esixe ás empresas unha actualización permanente das súas competencias dixitais, un proceso que resulta máis complexo para as pequenas e medianas empresas. Por iso, hai unha parte moi importante dos fondos europeos dedicados a este obxectivo”, destacou o Presidente, que puxo o acento en que para ser efectivos “non basta con que os fondos europeos cheguen”, senón que “deben xestionarse con transparencia e con dilixencia, garantindo que chegan aos sectores que o precisan e que serven aos obxectivos para os que foron creados”.

A Deputación, coas empresas e autónomos

Reivindicou o Presidente a participación das administracións locais na xestión dos fondos, recordando que na Deputación de Lugo “conseguimos un nivel de execución do Orzamento de gasto dun 85% anual”, e nese sentido defendeu que as deputacións “somos administracións eficientes, pegadas ao terreo, cun fondo coñecemento do entorno, que podemos axudar aos concellos e ao tecido produtivo a acceder e a xestionar este tipo de recursos económicos”.

Lamentou que a Xunta de Galicia non colabore máis coas administracións locais como fai o Goberno de España, o que “sen dúbida, axudaría a mellorar o grao de execucións dos fondos que están recibindo, e que realmente é moi pobre”.

“As empresas e autónomos da provincia saben que sempre contan coa man tendida da Deputación”, recalcou o Presidente, quen sinalou que a institución provincial –que achega á CEL 40.000€ este ano- seguirá apostando “sempre pola modernización do noso tecido produtivo e por todas as accións formativas que melloren a competitividade das empresas, porque iso favorece o desenvolvemento social e económico da provincia, o obxectivo prioritario que temos marcado na Deputación de Lugo”.