Pantón clausura este domingo a XXX Mostra de Viños de Pantón, á que a Deputación achega 30.000€

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este domingo na 30ª edición da Mostra de Viños de Pantón, que conta co apoio económico da Deputación de Lugo. A cita, que se celebrou no Campo da Feira do municipio da Ribeira Sacra, conta cunha achega da institución provincial de 28.227,61€ a través do Plan Deputación.
O programa de actividades incluíu hoxe a lectura do pregón a cargo do comunicador Marcial Mouzo e a actuación da orquestra Gran Parada. A edición deste ano reuniu a nove bodegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. García Porto destacou que “a actividade vitivinícola é un bo exemplo da potencialidade do sector primario na provincia, que tamén é capaz de xerar turismo de calidade, de experiencias e sostible polo que levamos traballando desde hai anos na Deputación de Lugo”.
Precisamente, a organización da Feira apostou este ano por promocionar Pantón como destino turístico integral, complementando a programación con catas, actuacións musicais, experiencias sensoriais, a festa da empanada e facilitando os desprazamentos dos visitantes cun servizo de autobús desde Monforte de Lemos e Escairón.