Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os premios Son Muller volven como referente de igualdade, co apoio da Deputación de Lugo

MULLER E IGUALDADE
AELU
Premios Son Muller
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asistiu á presentación da sexta edición dos galardóns, que “valoran o esforzo, a innovación e o talento das mulleres empresarias e emprendedoras da provincia”

A institución provincial colabora coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo na organización desta convocatoria, á que poden presentarse candidaturas dende o vindeiro xoves 2 ao domingo 26 de novembro en tres categorías: Son emprendedora, Son empresaria e Son empresaria rural

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este luns no CEI Nodus, na capital lucense, na presentación da sexta edición dos premios Son Muller, impulsados pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) co apoio da Deputación de Lugo.

Trátase duns galardóns que “valoran o esforzo, a innovación e o talento das mulleres empresarias e emprendedoras da nosa provincia, e que reivindican ao mesmo tempo a necesidade de seguir avanzando en igualdade, para que mulleres e homes teñamos as mesmas condicións e oportunidades”. No acto participaron tamén a presidenta da entidade, Anjhara Gómez; e o concelleiro de Dinamización Económica de Lugo, Mauricio Repetto, e outras autoridades.

A Deputación de Lugo achega 3.500€ para a celebración desta cita, que terá lugar o 15 de decembro no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), e que inclúe tres categorías: Son emprendedora, Son empresaria e Son empresaria rural. As candidaturas poden presentarse dende o vindeiro xoves 2 ao 26 de novembro a través de AELU. 

O Deputado subliñou a liña de colaboración “aberta e permanente” que mantén a institución provincial coa Asociación de Mulleres Empresarias, tanto nestes premios, como tamén noutras iniciativas encamiñadas a fortalecer e diversificar o tecido empresarial liderado por mulleres, como, por exemplo, o programa Aulas Abertas, que se está desenvolvendo na actualidade por distintos puntos da provincia. Unha colaboración que Miguel Fernández enmarcou na prioridade da Deputación de “apoiar aos sectores produtivos para xerar riqueza e  emprego, o que significa fixar poboación no territorio, sobre todo no noso rural”.


Categorías e premios 
A Asociación de Mulleres Empresarias dota os premios Son Muller con 1.000€ en metálico á gañadora e o segundo, en 500€. En ambos casos, as galardoadas obterán un ano de cota gratuíta como asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.

Haberá tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense referente e pioneira no eido social e económico de Lugo. O xurado estará formado por representantes da xunta directiva de AELU, e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade lucense. 

Poderán optar aos galardóns as emprendedoras e empresarias que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial.