Deputación de Lugo

A Deputación colabora con COSITAL cun investimento de preto de 13.000€ na renovación da súa sede colexial

JOSE TOMÉ
COSITAL
O Presidente asinou un convenio de colaboración co máximo responsable do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros, a través do cal a institución achega o 95% do orzamento total para a reforma do seu local na rúa Orense de Lugo, mentres que o colectivo asume o 5% restante

O Presidente da Deputación asinou un convenio de colaboración co máximo responsable do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros (COSITAL) de Lugo, José Cillero Mourelle, a través do cal a institución provincial achega preto de 13.000€ para a reforma da súa sede na rúa Orense de Lugo. A institución provincial achega o 95% do orzamento total, mentres que o colectivo asumirá o 5% restante. 

O Presidente sinalou que este acordo responde ao compromiso da Deputación coas infraestruturas do sector público e co benestar dos profesionais da administración local. José Tomé Rocaresaltou que "a reforma da sede de COSITAL é un apoio á modernización e á mellora das condicións de traballo dun colectivo fundamental na administración pública local". Ademais, valorou o labor realizado polo colectivo e subliñou a importancia desta achega, asegurando que "contribuímos a reforzar as infraestruturas que melloran a calidade do servizo público, o que se traduce nunha mellora das condicións laborais e, en consecuencia, en mellores servizos para a cidadanía", concluíu.

A sede, cunha superficie de aproximadamente 80 m², sufrirá unha reforma integral para mellorar as condicións de uso. A intervención inclúe a substitución dos dous aseos existentes por un baño adaptado, así como a delimitación do espazo de oficina mediante un tabique móbil e unha porta de madeira, co obxectivo de independizar as distintas áreas de traballo.

Outras melloras previstas son a renovación do pavimento de madeira e a pintura das paredes horizontais e verticais que non están alicatadas. A actuación buscará mellorar tanto a accesibilidade como a funcionalidade e estética do espazo, e os traballos teñen un prazo de execución dun mes.