A Deputación ofrece formación gratuíta e especializada para dinamizar o tecido social e económico, e fixar así poboación
Dirixida polo xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal, a formación, que arrancará a finais de mes e ten unha duración de 20 horas, está enfocada aos axentes sociais e económicos que traballan pegados ao territorio e aborda materias como organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación de iniciativas de desenvolvemento rural
A Xunta de Goberno aprobou destinar remanentes do Plan Único 2023 a novas obras en Sober para o acondicionamento dun camiño en Vilanova, e a resolución das axudas da institución provincial ás explotacións gandeiras para a promoción e potenciación de reprodutoras inscritas no rexistro definitivo do Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega
A Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, anunciou este venres, na rolda de prensa posterior á reunión semanal de Xunta de Goberno, unha nova iniciativa promovida pola Deputación para dinamizar o tecido social e económico, e fixar así poboación, consistente nunha acción formativa, gratuíta e especializada, que permitirá obter aos participantes o título de Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, o único curso desta temática que existe na actualidade na oferta educativa.
Dirixida polo prestixioso xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal, a formación, que arrancará a finais de mes, conta con 75 prazas, está enfocada aos axentes sociais e económicos que traballan pegados ao territorio -ben sexa persoal da administración local; alcaldes, alcaldesas ou concelleiros; emprendedores; ou calquera persoa ou entidade interesada no impulso do rural-, e aborda materias como a organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación de iniciativas de desenvolvemento.
O curso ten unha duración de 20 horas, distribuídas nunha xornada presencial, que impartirá Manuel Campo Vidal na Deputación, e clases en liña. Contará con 9 bloques temáticos, entre eles, as claves da transformación dixital, o equilibrio territorial ou o turismo rural como factor de desenvolvemento.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal, dende hoxe e durante unha semana, é dicir, ata o vindeiro venres, 17 de novembro.
Remanentes do Plan Único
A Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello de Sober para destinar remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concello deste ano 2023 para unha nova obra. En concreto, trátase do acondicionamento dun tramo dun camiño municipal en Vilanova cun orzamento de 2.200€ financiado integramente pola Deputación de Lugo.
Impulso da raza Rubia Galega
Así mesmo, a Xunta de Goberno, no marco da colaboración con ACRUGA para o fomento e mellora da raza Rubia Galega, aprobou a proposta de resolución formulada por esta entidade e a autorización á mesma para o pago ás explotacións gandeiras da provincia beneficiadas polas axudas que aporta a Deputación para a promoción e potenciación de reprodutoras inscritas no rexistro definitivo do Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega.
As axudas, correspondentes ao ano 2022, ascenden a un total de 200.000€ e benefician a preto de 400 explotacións gandeiras pola inscrición no rexistro do Libro Xenealóxico de Rubia Galega de máis de 1.000 animais.